Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 01/04/2022 | Actualizada ás 13:46
A presidenta de Inditex, Marta Ortega, remitiu unha carta ao persoal na que mostra un "enorme" agradecemento pola confianza depositada nela e un "profundo" sentimento de responsabilidade, á vez que pide aos seus "compañeiros e compañeiras" o seu apoio e paciencia.
"Pídovos o voso apoio e paciencia mentres sigo aprendendo de todos cada día e que, co mesmo entusiasmo e esixencia de sempre, manteñamos vivos os valores de tolerancia, respecto e humildade que nos caracterizaron ata agora", afirmou a nova presidenta de Inditex nunha carta ao persoal do grupo á que tivo acceso Europa Press.
"Nacín e crecín en Inditex, e non houbo un só momento da miña aínda curta carreira na que non me sentira atafegada pola involucración, profesionalidade, espírito de superación e sobre todo humanidade de cada un de vós", destacou Ortega, quen colle este venres o temón de Inditex, pechándose así a etapa de Pablo Isla, quen deixa a presidencia tras 17 anos na compañía.
Na misiva, a nova presidenta de Inditex ten palabras de agradecemento para o seu pai, Amancio Ortega, para Isla e para o persoal "desta marabillosa compañía". "Ao señor Ortega, que creou esta extraordinaria familia, quérolle agradecer que puxese todo o seu esforzo ao longo de tantos anos para facela crecer e perdurar, e que estivese sempre á fronte deste gran proxecto facendo que todos o sintamos como algo noso. Ao señor Isla agradézolle profundamente os 17 anos de intensa dedicación para facer de Inditex unha empresa aínda máis sólida e preparada para o futuro. E a todos e cada un de vós agradézovos que fixésedes posible este soño coa vosa valiosa contribución, sen a cal isto non sería posible", subliña.
Así mesmo, tamén menciona ao conselleiro delegado, Óscar García Maceiras, quen leva xa no cargo desde o pasado mes de novembro, data na que se anunciaron os cambios na dirección da firma. "O verdadeiro éxito faise realidade cando se comparte e así confío que faremos para superar todos os retos que nos depara o futuro, que non serán poucos", conclúe a carta, na que se despide "con admiración, respecto e moito agarimo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.