Galicia, potencia termal: os balnearios facturan 60 millóns ao ano e xeran 1.400 empregos directos

A Xunta indica que se traballa na desestacionalización para ampliar a tempada turística.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2022 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

Galicia conta cun total de 21 balnearios cun volume de negocio de 60 millóns de euros ao ano, os cales xeran 1.400 empregos directos.

En resposta a unha pregunta do Grupo Popular, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou que en Galicia existen máis de 300 captacións de augas termais e supoñen unha das fortalezas turísticas galegas, cunha oferta "potente" e de "gran capacidade de consolidación". Dos 21 balnearios existentes, 15 están no interior, dous na costa e catro nas cidades.

O gasto medio do viaxeiro en balnearios galegos é de 76 euros, por encima da media de 51 euros do viaxeiro convencional. Agora, a Xunta indica que se traballa na desestacionalización para ampliar a tempada turística. Paralelamente, Castro remarca que o termalismo centrará o terceiro plan territorial que a Xunta desenvolverá no marco do plan de recuperación do tecido turístico, que terá lugar entre 2023 e 2026 con fondos europeos Next Generation.

GASTO EN I+D+i

Por outra banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou o avance da comunidade galega en I+D+i, cun crecemento do gasto autonómico do 68% entre 2014 e 2020, nun período no que a media española se incrementou nun 13%, segundo os datos achegados en comisión.

Entre outras cuestións, Argerey referiuse a diferentes axudas da Xunta, como as de Innova Peme e Deseña Peme, ás que destina 4,3 millóns entre ambas as para fomentar a innovación en pemes. As primeiras xa foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), mentres que no caso das segundas publicaranse proximamente.

Un balneario de Lugo.
Un balneario de Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta