Alertan da "expansión descontrolada" dunha planta invasora na Costa Ártabra

Desde ADEGA e o concello de Narón denuncian a "situación de abandono" que sofre a ZEC Costa Ártabra por parte da Xunta de Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista ADEGA-Ferrolterra xunto co Concello de Narón veñen de denunciar diante da Consellaría de Medio Ambiente a "expansión descontrolada" que está experimentando unha planta exótica invasora na Costa Ártabra, nomeadamente no municipio de Narón. Trátase da especie Helicrisum petiolare.

Planta invasora Helicrisum petiolare
Planta invasora Helicrisum petiolare | Fonte: ADEGA

Desde ADEGA e o Concello de Narón denuncian a "situación de abandono" que sofre a ZEC Costa Ártabra por parte da Xunta de Galicia, e lembran que este espazo natural único forma parte da Rede Natura 2000 e con numerosas figuras de protección. Por iso, solicitan á Conselleria de Medio Ambiente que faga un estudo de control e erradicación desta planta invasora para "mitigar no posible o seu impacto" sobre os hábitats e especies vexetais e animais protexidas nesta Zona de Especial Conservación. 

Segundo o Ministerio de Transición Ecolóxica unha especie exótica invasora é aquela que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou semi-natural, é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, ben sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética. 

Estas especies poden chegar a través das redes de comunicación de xeito accidental, artificialmente, ou de xeito intencionado, e despois dun tempo as invasoras adáptanse ao territorio. En consecuencia, moitas das especies locais non poden competir coas exóticas invasoras e poden acabar desaparecendo

ADEGA lembra, así mesmo, os "fortes impactos na economía", como por exemplo na agricultura, ademais de destrución dos hábitats e ecosistemas nativos, do aumento erosión ou da transmisión de enfermidades infecciosas que implican as especies invasoras, cuxo control pode chegar a supoñer arredor duns 12 mil millóns de euros anuais só na UE.

"Nun contexto no que o cambio climático avanza a grandes pasos e onde as vías de comunicación están todas interconectadas, cada vez aterran no noso territorio máis novas especies alóctonas que supoñen un grave perigo para as especies autóctonas. Esta problemática é aínda máis acuciante nos espazos de Rede Natura 2000 ou nos ecosistemas máis vulnerables", alerta a organización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta