Unha familia de Gales dá un novo fogar a Posto, o can máis veterano do centro de animais da Deputación de Pontevedra

É un Sttafordshire Terrier que fora recollido en Redondela en xullo de 2018.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 25/04/2022 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

Foi un dos retos marcados este ano e, ao final, logrouse. Posto, o can que máis tempo levaba interno nas instalacións do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra goza xa dun fogar tras ser adoptado por unha familia de Cardiff (Gales).

Posto, can de Galicia adoptado en Cardiff
Posto, can de Galicia adoptado en Cardiff | Fonte: Deputación de Pontevedra.

Este Sttafordshire Terrier fora recollido en Redondela en xullo do ano 2018, cando era un cachorro, e foron múltiples os chamamentos para a súa adopción por parte da presidenta provincial, Carmela Silva, despois de que no pasado 2021 abandonasen o centro cans de maior idade.

A adopción de Posto foi posible grazas á mediación dunha rede de persoas voluntarias que xa colaboraran con CAAN noutras ocasións e que manteñen contacto cunha das fundadoras, galega e afincada en Reino Unido, da asociación británica Five Circles Dog Rescue.

Grazas a ela atopouse fogar para Posto, cuxa saída do centro tiña a priori máis dificultades, xa que en España a súa raza está catalogada como potencialmente perigosa. Non ocorre o mesmo nas illas británicas, e o can está xa no seu novo destino e coa súa nova familia en Gales, onde viaxou a pasada Semana Santa.

A saída de Posto leva aparellada outra boa nova, que é que xa non hai en CAAN animais que leven no centro máis de dous anos, no marco do obxectivo da Deputación de Pontevedra de que os cans pasen o menor tempo posible nas instalacións e consigan a súa adopción.

Neste momento, os cans máis veteranos son 'Só' e 'Pasalo', ambos cunha idade de oito anos e que están acollidos desde o 2020, cando foron recollidos en Marín e Sanxenxo, respectivamente. No que se refire ao animal de maior idade, é a cadela 'Puri', que conta con once anos e que foi recollida no concello do Porriño. A adopción destes cans é agora a prioridade que se marca a institución provincial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta