Abanca promete ter “alma de caixa”

Os directivos de Banesco presentan a súa nova marca, desvelada por GC o domingo, entre promesas de axilizar os créditos, converterse en líderes no norte de España e manter a galeguidade.

Por M.V. | Santiago | 26/06/2014 | Actualizada ás 21:22

Comparte esta noticia

Abanca, como informou GC este domingo, é a nova denominación da entidade resultante da fusión das caixas galegas. O Grupo Banesco lanzou a marca este xoves nunha cerimonia en Santiago.

Escotet na presentación do logotipo de Abanca
Escotet na presentación do logotipo de Abanca

Varios centos empresarios, políticos e persoeiros foron invitados ao acto no auditorio que a entidade ten na zona vella da capital do país. O obxectivo do evento era claro: pasar páxina da convulsa etapa da nacionalización e o escándalo das preferentes e presentarse como un entidade transparente, con "sentido común" e, sobre todo, disposta a financiar a recuperación económica de familias e das empresas.

O conselleiro delegado, Francisco Botas, debullou os plans económicos. O directivo advertiu que a entidade vai facer un esforzo en dar créditos a compañías, pero non ten intención de investir en accións. De feito, deu a entender que poden vender as participacións que aínda lle quedan do tempo das caixas -por exemplo aínda conserva unha pequena parte da operadora R-. Iso si, puntualizou que “non imos desenvestir dun xeito apresurado”.

O énfase está na concesión de créditos. De feito, unha das frases que usou Botas para despedirse foi “espero que os créditos flúan rápidamente”. Botas tamén destacou que a entidade superou a recesión. Entre os datos que desvelou figura un beneficio de 44 millóns até maio, cando o previsto inicialmente para todo o ano eran só 14 millóns.

A nivel de imaxe, está claro que Banesco aposta por reforzar a galeguidade. Pode verse en aspectos como o nome da entidade e o idioma usado nalgúns intres da presentación. Aínda que a maioría foi en español, tanto Botas como Juan Carlos Escotet esforzáronse tamén en empregar o idioma propio do país.

Novo logotipod de Abanca
Novo logotipod de Abanca | Fonte: M.V.

“Queremos facer este proxecto dende Galicia, orientados ao cliente e baseado nun equipo galego con alta profesionalización”, sinalou Francisco Botas. O directivo insistiu en que os estudios que fixeran sobre o mercado galego demandaban unha entidade próxima e que soubese recoñecer os seus erros, un “banco con alma de caixa” en definitva.

“Hoxe é o gran día. Hoxe nace Abanca, un banco para Galicia, o banco dos galegos, o banco galego no mundo”. Con estas palabras o vicepresidente desta entidade, Juan Carlos Escotet, anunciaba oficialmente a nova marca comercial da primeira entidade financeira galega. Tras desevelar o novo logotipo (claramente inspirado na bandeira de Galicia), o venezolano Escotet, máximo responsábel do Grupo Banesco, comezou a súa intervención dicindo que “prometo que a vindeira vez falarei un pouquiño máis de galego”.

Curiosamente, os aplausos que levantou esta referencia a cultura do país foron bastante tímidos entre o público. Ao evento acudiron, entre outros, o presidente da Xunta, a presidenta do Parlamento, o delegado do Goberno e o presidente do Consejo de Estado, Romay Beccaría.

Escotet admitiu que lograr que Banesco opere fóra de Venezuela significa cumprir un soño personal e familiar. O obxectivo inmediato do banco pasa por convertirse en líder no norte de España. Segundo os seus datos, o 70% dos clientes bancarios do país traballaba con Novagalicia quen, a pesar dos problemas destes anos, era a entidade número 65 en Europa por volume.

Abanca presume de ser arestora unha das institucións financeiras máis solventes do Estado. A entidade recibiu máis de 9.000 millóns de axudas públicas directas estes anos. Banesco comprou a nacionalizada Novagalicia Banco por pouco máis de 1.000 millóns.

Pola súa banda, o presidente da Xunta destacou este novo banco é o resultado final de entidades de aforro que naceron “en e para o noso país, e conserva as raíces no noso país”. Feijóo  expresa o desexo de que "este bautismo prometedor se traduza nun impulso decidido ao desenvolvemento".

O acto foi presentado pola xornalista da TVG Tati Moyano.

Abanca presume de compromiso con Galicia
Abanca presume de compromiso con Galicia
Logotipo de Abanca
Logotipo de Abanca
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

1 eusi

Alma de caixa...negra?, coma a dos avions?