Por Galicia Confidencial | A Coruña | 01/07/2014 | Actualizada ás 17:25
“Que podemos e debemos facer para lles transmitirmos o galego ás xeracións máis novas?”. Esta é a gran pregunta que tentarán respostar diversos especialistas nun curso de verán organizado pola Universidade da Coruña e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) en Carballo.
Cales son os factores determinantes para a transmisión interxeracional dunha lingua; canto, cando e como se dá a ruptura da transmisión do galego; ás nosas fillas e fillos transmitímoslles o galego, mais...Son algunhas das cuestións que abordará este seminario no que participarán expertos, nais e pais, traballadoras de normalización, docentes ou xente do ámbito asociativo.
Os obxectivos principais desta acción son,s egundo apunta a CTNL nun comunicado, coñecer e analizar condicionantes que dificultan ou rompen a transmisión interxeracional da lingua galega; avaliar experiencias de intervención desenvolvidas e debater, propor e consensuar medidas de intervención práctica que melloren a transmisión da lingua ás xeracións máis novas.
Ao longo dos tres días participarán persoas expertas na temática do ámbito do galego, do catalán ou do éuscaro. O primeiro día, o mércores 9 de xullo, da conferencia inaugural encargarase o catedrático de Sociolingüística da Universitat d’Alacant Brauli Montoya, que falará sobre a contextualización e factores determinantes para a transmisión interxeracional da lingua. Despois intervirán o sociolingüista da Real Academia Galega (RAG) Xaquín Loredo e a profesora, sociolingüista e coordinadora xeral da CGENDL, Valentina Formoso. Noutra mesa intervirán Neves Arza, profesora da Universidade da Coruña; Dolores Oubiña, directora da escola infantil A Pastora de Cambados; Ana Abelenda, educadora da Galiña Azul da Laracha; e Rita Iglesias, directora da escola infantil Raiola de Santiago.
No segundo día, o xoves 10, Marta Besada, ex-técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela, e Adela Pita, técnica de normalización lingüística do Concello de Narón, explicarán e avaliarán intervencións levadas a cabo desde os seus concellos . O profesor e dinamizador Luís Prego presentará o obradoiro Prende no colo, para o fomento do galego a partir de xogos de dedos, cantigas, recitados..., e a dinamizadora Ruth Caramés fará o propio cun obradoiro para o coñecemento e manexo de materiais en galego para escolas infantís.
Ese día, despois dunha visita das persoas participantes ao espazo natural Razo-Baldaio, con xantar na zona, o curso continuará coa presentación dunha proposta de intervención para fomentar e mellorar a transmisión interxeracional do galego, que farán Conchi Cochón, do Concello de Pontevedra; Nel Vidal, do Concello de Carballo; Soco García, do Concello de Santiago de Compostela; e Rosa Moreiras, do Concello de Ames, e que será analizada e debatida a través de grupos de traballo, para mellorala e consensuala entre todas e todos, coa idea de poñela despois en práctica desde diversos concellos do país.
E xa o último día, o venres 9 de xullo, a sociolingüista da Universidade Pública de Navarra, Paula Kasares, explicará que si hai camiños para mellorar a transmisión interxeracional da lingua. A continuación o cantor Xabier Díaz presentará e explicará o seu obradoiro de cantos de berce para nais, pais e formadores/as e da conferencia de clausura encargarase a profesora da Universidade da Coruña e presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Candedo.
Os prezos de participación neste curso son de 30 € para estudantado, persoas desempregadas, membros da UDC e socios/as da CTNL, e de 50 € para o resto, e este prezo, ademais do curso, inclúe os xantares do mércores e xoves, e os cafés de media mañá dos tres días. Ademais, hai unha oferta de hospedaxe en Carballo para participantes no curso que vai desde os 20 € / día en cuarto individual e con almorzo incluído. Polo tanto, unha persoa de fóra de Carballo pode participar quedando a durmir na vila desde os 70 € durante todo o curso, e con cuarto, almorzo, xantar e todas as actividades formativas incluídas.
Máis información e programa completo en:
Web da CTNL: http://ctnl.org/web/notic.php?ide=1166
Web do SNL da UdC: http://www.udc.es/snl/X_curso_veran.html
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.