Feijóo di adeus á Cámara galega e ve "un plus" para Galicia defendela como senador

Tanto o líder do PP como Tellado renunciaron este martes á acta de deputados no Parlamento galego tras ser designados senadores cos votos do seu grupo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/05/2022 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, dixo adeus este martes ao Pazo do Hórreo, sede do Lexislativo galego, case 17 anos despois de ser elixido por primeira vez deputado autonómico nas eleccións do 19 de xuño do ano 2005. Uns comicios aos que concorreu como cabeza de lista por Pontevedra e nas que Manuel Fraga perdeu a maioría absoluta que mantivo catro mandatos.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, á súa saída do Parlamento galego, a 24 de maio de 2022, en Santiago de Compostela.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, á súa saída do Parlamento galego, a 24 de maio de 2022, en Santiago de Compostela.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Feijóo e o seu vicesecretario de Organización en Xénova, Miguel Tellado, quen o acompañou en Galicia como secretario xeral na última etapa, renunciaron á súa acta de deputados inmediatamente despois de ser elixidos senadores por designación autonómica co apoio de 41 votos populares --o PPdeG ten 42 escanos, pero nunha papeleta na que figuraban ambos os nomes, Feijóo e Tellado decidiron non votar a si mesmos, aínda que si ao outro--.

Nunha sesión plenaria específica e de acordo co rexeitamento que manifestaran previamente polo "uso das institucións" en beneficio partidario que afean ao PP, os grupos da oposición --BNG e PSdeG-- emitiron 31 votos en branco, o que ratifica o seu descontento coa proposta rexistrada polo Grupo Parlamentario Popular.

Feijóo e Tellado foron designados no primeiro pleno no que Alfonso Rueda ocupou o escano de presidente da Xunta nas bancadas do Goberno autonómico, e no que os deputados populares que habitualmente ocupan a primeira fila do seu Grupo correron un posto para deixar ao seu líder estatal o sitio que habitualmente ocupa o portavoz parlamentario, Pedro Puy.

O propio Puy, a pesar de que se atopa en período de recuperación tras sufrir un infarto, acudiu ao Pazo do Hórreo para participar da votación, e sentou xusto a continuación do seu xefe de filas, seguido de Miguel Tellado.

RENUNCIA COMO DEPUTADOS E ELECCIÓN DE CANDIA

Minutos máis tarde, finalizada a sesión, que excepcionalmente debido á visita do Rei Felipe VI a Vigo arrincou pola tarde, Feijóo e Tellado renunciaron verbalmente á súa acta ante os membros da Mesa do Parlamento, dentro do propio hemiciclo, e antes do inicio da segunda sesión plenaria da xornada. Agora, as listas populares correrán e en lugar de Feijóo entrará no hemiciclo Fernando Pérez, de Caldas. Por Miguel Tellado farao María Belén Salido Maroño, que ía pola circunscrición coruñesa no número 22 da candidatura.

A marcha precipitada de Feijóo ocasionou máis movementos dentro do Goberno e tamén do Parlamento --na Mesa e no Grupo Popular-- e a segunda sesión da xornada, xa ordinaria, arrincou coa elección da líder provincial do PP de Lugo, ata agora viceportavoz popular, como vicepresidenta primeira da Cámara en substitución do seu homólogo coruñés Diego Calvo, agora vicepresidente segundo de Rueda na Xunta. Candia recibiu 40 votos a favor do seu Grupo e a oposición, unha vez máis, votou en branco.

"UN PLUS" PARA GALICIA

Feijóo dixo, ademais, que "o prioritario" agora é tomar posesión como senador e afirmou que "defenderá os intereses de Galicia" conforme ten o "mandato" da súa representación. Iso si, esgrimiu que "orgánicamente" lle corresponde tamén ser xefe da oposición e, fronte ás críticas da oposición, mostrouse convencido de que esta circunstancia que se dá "por primeira vez en 40 anos" de historia será "un plus" para Galicia.

Feijóo queixouse de que a oposición "rompa a tradición" de apoiar as propostas que "corresponden" aos distintos grupos con representación da Cámara autonómica --aínda que xa ocorreu noutras ocasións--, pero mostrouse convencido de que se a oposición "o pensase un pouco máis" probablemente vería o seu nomeamento dun modo "distinto".

Feijóo confesou, a preguntas dos medios, que bota de menos Galicia. "Estrañando constantemente Cambados", contestou, en concreto, ao xornalista que lle formulou a pregunta e que procede desta localidade pontevedresa. "Estrañando as Rías Altas e as Rías Baixas", apostilou.

TERÁ UN DESPACHO NO SENADO

O presidente do PP tomará posesión este mércores do seu escano no Senado, xusto un día despois de ser elixido senador por designación autonómica polo Parlamento galego, segundo confirmou o partido. O venres está previsto que reúna os grupos parlamentarios no Senado para "fixar as prioridades desta nova etapa".

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, sobe un coche á súa saída do Parlamento galego. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, sobe un coche á súa saída do Parlamento galego. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Disporá dun despacho na Cámara Alta e a súa intención é asistir todo o que a súa axenda permita ás sesións plenarias, segundo fontes do seu equipo. O desembarco de Feijóo no Senado permitiralle manter duelos cara a cara con Pedro Sánchez, aínda que é certo que a diferenza das 'leas' semanais que se producen no Congreso, a presenza do xefe do Executivo nesa Cámara é menor e apenas asistiu media ducia de veces nos últimos meses.

Aínda que está previsto que en xullo se celebre no Pleno do Congreso o Debate sobre o estado da Nación, fontes da cúpula do PP xa anticipan que Feijóo non está a buscar esa cara a cara con Sánchez na Cámara Baixa. "Non imos retorcer o Regulamento para buscar espazos que non son nosos", admiten fontes próximas ao líder do PP.

CONFRONTARÁ CON SÁNCHEZ "A PARTIR DO 7 DE XUÑO"

Feijóo asegurou, ante os futuros 'cara a cara' que manterá Pedro Sánchez no Senado, que se o presidente do Goberno se prepara "ben" as sesións de control pode gañalas porque "as pecha", ao ter a última quenda de palabra. Ao ser preguntado se ten ganas de confrontar con Pedro Sánchez, Feijóo remitiuse á sesión plenaria do 7 de xuño, que é a primeira na que podería ter unha 'cara a cara' con Sánchez segundo está previsto na axenda parlamentaria.

O líder do PP sinalou que el fixo sesións de control tanto na oposición como no Goberno. "E sei perfectamente que no Goberno a sesión de control é moi cómoda", manifestou, para engadir que agora lle corresponde estar na oposición e, por tanto, cumprirá os seus compromisos como xefe da oposición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta