Búscase cartel anunciador da XXIII Feira do Viño de Valdeorras

Dende o Consello Regulador da D.O. Valdeorras animan á participación para contar coa imaxe gráfica do evento. O premio para autor ou autora do cartel será de 600 euros.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 26/05/2022 | Actualizada ás 20:50

Comparte esta noticia

A cita vitininícola cos caldos valdeorreses chega este ano á súa XXIII edición, e volve con forza tras o parón obrigado pola pandemia. Será a segunda fin de semana do mes de xullo, tres anos despois da última feira e sen contar o Túnel do Viño do pasado ano, evento ponte para volver á normalidade da celebración.

Feira Viño Valdeorras (arquivo). Fonte: Consello Regulador DO Valdeorras
Feira Viño Valdeorras (arquivo). Fonte: Consello Regulador DO Valdeorras

Así, pois, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras apura á participación e fai un chamamento a todas as persoas interesadas en participar para que envíen as súas propostas gráficas antes do 17 de xuño ás 15:00 h. A premisa: "Resaltar graficamente o saber facer do sector vitininícola desta comarca de Ourense, que leva séculos elaborando tintos e brancos de altísima calidade".

PARA PARTICIPAR

Poderán facelo todas e todos os que o desexen, procedan ou non do ámbito artístico. As obras deberán ser inéditas e cada participante poderá presentar tres propostas diferentes nun tamaño de 43x63 cm en posición vertical. No que respecta á técnica artística esta será libre: pictórica, informática, fotográfica, etc.

Aínda tendo en conta o anterior, as obras presentaranse en formato dixital, en arquivo JPG ou PNG e en alta resolución (mínimo 300 ppp). As obras enviaranse por correo electrónico a consello@dovaldeorras.com colocando no asunto "Cartel da Feira do Viño de Valdeorras", ou tamén por correo ordinario ao enderezo postal: CRDO Valdeorras, Rúa D. Demetrio Macía, 5 32340 Vilamartín de Valdeorras (Ourense).

Como datos persoais e de contacto cómpre poñer o nome e apelidos, enderezo e número de teléfono. Deberase facilitar tamén o correspondente soporte dixital en formato vectorial para poder incluír información e logos das entidades organizadoras.

XURADO E PREMIOS

O xurado estará composto por persoas relacionadas co mundo do deseño, a comunicación e a arte, así como tamén o presidente do Consello Regulador ou persoa en quen delegue. O premio en metálico para o gañador ou gañadora será de 600 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta