Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2022 | Actualizada ás 18:20
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recibiu a confirmación, por parte do Instituto de Saúde Carlos III, do primeiro caso positivo en Galicia da chamada varíola do mono.
Segundo confirmaron fontes sanitarias, a persoa afectada é un home da área da Coruña-Cee, que permanece illado no seu domicilio. Saúde Pública xa se comunicou cos seus contactos estreitos e trasladou as recomendacións pertinentes.
Esta confirmación prodúcese despois de que Sanidade enviase ao Centro Nacional de Microbioloxía as mostras de dous novos posibles casos desta infección. En total, ascenden a 7 as persoas que presentaron un cadro compatible coa varíola do mono.
As mesmas fontes sinalaron que, desde que se recibiu o pasado 17 de maio a alerta internacional sobre esta enfermidade, as autoridades sanitarias de Galicia permanecen "vixiantes" para identificar e confirmar (ou descartar) posibles casos.
Por outra banda, Sanidade tamén avanzou que, a partir da semana que vén, Galicia estará en disposición de realizar as probas PCR de confirmación diagnóstica deste virus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.