Rueda asegura que se reunirá con Sánchez "en nome de Galicia, non do PPdeG"

Reivindica a condición de nacionalidade histórica de Galicia que "non renunciará a aquilo ao que ten dereito".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O líder do PPdeG e titular da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que tratará de levar unha "postura común" de Galicia cando o reciba o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tras reunirse coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.

Rueda pronunciouse durante a súa intervención ante o Comité Executivo do PPdeG, que mantivo este venres a súa primeira reunión desde que o pasado fin de semana o tamén presidente da Xunta asumise as rendas do partido.

Na súa intervención, Alfonso Rueda criticou que a oposición o acuse "por unha banda" de ser "un presidente ilexítimo", mentres que, ao mesmo tempo, "din que a ver cando ese presidente ilexítimo se reúne cos portavoces da oposición". "Por suposto que os vou recibir", asegurou Rueda, que sinalou que a xente pide que os políticos "falen" e "cheguen a acordos".

Neste sentido, tras incidir que el está "aberto" ao diálogo, sinalou que tentará que a reunión sexa "efectiva". Con todo, sostivo que lle "gustaría" que antes deste encontro cos líderes da oposición fose recibido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para trasladarlle asuntos "urxentísimos" para Galicia como a situación dos fondos Next Generation; "as infraestruturas que non acaban de chegar, empezando polo AVE"; ou "as baixadas de impostos comprometidas na Conferencia de Presidentes".

"Eu vounos recibir xa", sostivo Rueda, que avanzou que lles pedirá o seu "compromiso" de cara á reunión con Sánchez. "Eu vou ir alí en nome de Galicia, non en nome do meu partido", incidiu, para avogar por "saber" que está "apoiado polos portavoces da oposición en asuntos fundamentais, que non admiten discusión e polos que Galicia non pode esperar".

Dito isto, apostou por "seguir traballando con seriedade, tentando tender mans". "Sabemos que representamos o sentir de Galicia, que nolo dixo catro veces seguidas, pero tamén que temos que escoitar aos demais partidos e tentar levar unha postura común", afirmou.

Ademais, tras subliñar que o PPdeG ten claro que Galicia é "unha comunidade histórica" que ten as súas "propias particularidades" e que forma parte dunha "nación indisoluble", incidiu en que tamén está "ben" marcar os "sinais de identidade e saber defendelos cando parece que para algúns todo é unha mestura".

"Como somos unha nacionalidade histórica, que formamos parte dunha nación que é España, imos pedir un trato igualitario. España é solidaria entre comunidades e eu pídovos que me acompañedes na tarefa fundamental e o obxectivo de non pretender que nos dean aquilo que non merecemos pero non renunciar nunca a aquilo ao que temos dereito", apuntou.

CRÍTICAS A BNG E PSDEG

No seu discurso, reivindicou o PPdeG como un partido que ten "os pés na terra" e que non vai ser "sucursalista" de "alguén que teña que defender o indefendible" como, na súa opinión, lle pasa ao PSdeG; nin tampouco ser unha "réplica doutras cousas que non se queren para Galicia como fai o BNG", que "se mira no espello do independentismo".

"Comparto mirarse no espello do independentismo, pero pódese ver de dúas maneiras. Pódeste ver para arrimarte cada vez máis e ser unha mala copia de sistemas e propostas que xa fracasaron nos sitios onde están asentados, ou podes mirarte no espello do independentismo para dicir que isto non o queremos para Galicia nin de broma", sinalou.

Ademais, aproveitou para criticar que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o PSOE non dese explicacións no pleno extraordinario celebrado na institución provincial despois de que un xuíz ordenase que se convocase tras ser denegado pola Administración, como así pedía o PP. En concreto, os populares reclamaban a sesión para abordar a condena a un funcionario do Concello de Vigo por participar nunha trama de contratación irregular que beneficiou á cuñada da presidenta provincial.

"Que boa oportunidade tiña a presidenta da Deputación para dar a cara, para dar explicacións", sostivo Rueda, que criticou que o que fixo a presidenta foi "desenchufar" o pleno para "que non puidese verse polas redes sociais". Todo iso "co silencio cómplice do BNG", apuntou. Ademais, asegurou que o PPdeG estará "vixiante" sobre un posible indulto a este funcionario ao considerar que, "se se concedese, sería un auténtico escándalo a nivel nacional".

O presidente do PPdeG e titular da Xunta, Alfonso Rueda, intervén ante o Comité Executivo do PPdeG. PPDEG
O presidente do PPdeG e titular da Xunta, Alfonso Rueda, intervén ante o Comité Executivo do PPdeG. PPDEG | Fonte: Europa Press

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Alfonso Rueda pediu este venres, a un ano e un día da celebración das eleccións municipais, un "esforzo especial" aos membros da formación, co obxectivo de que "siga parecéndose a todos e cada un dos concellos". "Podemos demostrar que temos o mellor proxecto para gañar a confianza da xente, que aínda podemos escoitar máis, que somos capaces e que somos un partido permeable que está en todas partes", destacou para sinalar que, se se fai ben, o 28 de maio de 2023 será "unha gran noite electoral" para o PPdeG.

NOVO COMITÉ EXECUTIVO

O Comité Executivo tamén serviu este venres para que o PPdeG ratificase os nomes adiantados no Congreso autonómico que a partir de agora conformarán o equipo principal. Así, Paula Prado foi corroborada como secretaria xeral, mentres que Pedro Vermello, José Manuel Rey, Raquel Touriño, José Ángel Santos, Marta Fernández-Tapias, Alberto Pazos, Olga Iglesias e Gabriel Alén foron confirmados como vicesecretarios.

Por último, Rueda destacou que o PP de Galicia saíu do seu congreso autonómico cun "proxecto sólido, sabendo o que quere facer e sendo capaz de cumprilo", ademais de dando a sensación de que hai "un equipo". "Non temos ningún tipo de hipoteca e miramos ao futuro", abundou. No acto, Rueda tivo un recordo para Jesús Alonso, quen fora fundador de Jealsa e alcalde de Boiro da man do PP desde 1995 ata o 2003.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta