Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2022 | Actualizada ás 20:00
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicou por 445.000 euros a realización da iniciativa 'En Ruta coa Depo', que ofrece a posibilidade de pasar un día de convivencia "en lugares emblemáticos do territorio". Segundo informou o organismo provincial nun comunicado, máis de 75.000 persoas gozaron nestes últimos anos desde 2016 dos itinerarios do programa provincial.
As persoas interesadas poden elixir entre un total de 32 rutas, co acompañamento dunha persoa guía de turismo e incluíndo xantar e transporte. En total, este ano ofertaranse 20.000 prazas e as 32 rutas están divididas en itinerarios temáticos, culturais, marítimos, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais.
"Búscase crear espazos de unión, así como o acceso igualitario aos recursos turísticos e favorecer o envellecemento activo", explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Do total de prazas, resérvanse 400 gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social que non poidan facer fronte á parte non subvencionada do programa.
SMARTPEME
Por outra banda, a Deputación oferta esta semana cinco novos talleres impartidos de maneira en liña e presencial, enmarcados na súa carteira de talleres ofrecidos a través de Smartpeme. As accións tratarán temas como o debuxo 3D con Onshape e PartStudio, usos de TikTok para empresas, modelos de negocio, ciberseguridade ou fabricación dixital con Laminador Cura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.