Por gcdeportes | A Coruña | 19/07/2014 | Actualizada ás 10:06
Equipacións novas para un Dépor de Primeira. A clásica branca e azul e a de cor burdeos, pero sobre todo, a das cores de Galicia, que arrasa entre os seareiros deportivistas e conta xa con 3.500 reservas. O Deportivo desprazouse ata o centro comercial Marineda City para presentar as novas camisetas, nun orixinal acto no que oito xogadores fixeron de modelos: Juan Domínguez e Álex Bergantiños, coas cores galegas; Manuel Pablo e Laure, coa branquiazul; e os novos, Roberto Canella e Isaac Cuenca, coa de cor burdeos. Lux e Fabricio vestían as de porteiros.
Estaban os actores Xosé Anton Touriñán e Marcos Pereiro. E montouse unha pequena cancha dentro do centro comercial, e os seis xogadores (tres equipos de dous) disputaron varios partidiños reforzados con rapaces presentes. Despois, os posados para as fotos, con moita expectación no público.
A camisola galega foi presentada polo anterior presidente Augusto César Lendoiro, que a deu a coñecer na campaña pola presidencia do Deportivo antes de retirarse da mesma en decembro. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiu a primeira de mans do novo presidente, Tino Fernández, cando recibiu o Deportivo tralo ascenso a Primeira.
As novas camisolas para a tempada 2014-15 estarán á venda a finais deste mes. Tardarán un chisco máis as das cores galegas, pola elevada demanda recibida no club.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.