Mastodon, a alternativa do Fediverso a Twitter, xa fala galego: “Noutras redes hai opresión das linguas dominantes”

A rede social libre e de código aberto xa alberga unha instancia en lingua galega. Falamos con seu creador e administrador, Rafael Alcalde Azpiazu, enxeñeiro de software.

Por Alberto Quian | Compostela | 04/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Desde que o multimillonario Elon Musk lanzou unha OPA de 41.000 millóns de euros para facerse co control de Twitter, outra plataforma social, Mastodon, experimentou un notábel incremento no seu número de usuarios e usuarias, miles migrados desde a rede do paxaro azul a estoutra ‘gobernada’ por un mamut. Pero Mastodon non é unha plataforma social nova (foi lanzada en 2016); nin sequera é unha rede social. Mastodon é unha organización alemá sen ánimo de lucro que desenvolve un software libre para que calquera poida crear unha rede social baixo o seu paraugas, o que no universo Mastodon se chaman instancias, isto é, servidores independentes nos que se conforman comunidades de usuarias e usuarios con intereses compartidos e coas súas propias normas, e que poden interactuar cos doutras instancias. Actualmente hai 3.730 instancias en Mastodon.

Rafael Alcalde Azpiazu, enxeñeiro de software e creador e administrador de Mastodon.gal, a instancia galega na plataforma social Mastodon
Rafael Alcalde Azpiazu, enxeñeiro de software e creador e administrador de Mastodon.gal, a instancia galega na plataforma social Mastodon | Fonte: Imaxe cedida por Rafael Alcalde Azpiazu.

Mastodon é a antítese de Twitter e do capitalismo tecnolóxico ao ser libre, en man común, federada, descentralizada, sen censura nin manipulacións algorítmicas, filla da cultura e da ética hacker e parte do chamado Fediverso.

Nesta federación, a lingua e cultura galegas xa teñen a súa propia instancia, Mastodon.gal, lanzada co gallo do Día das Letras Galegas 2022. O seu administrador é o enxeñeiro informático coruñés Rafael Alcalde Azpiazu.

“Dende moi pequerrecho xa me encantaba o cacharreo e temas que tiñan que ver coa informática. De feito, aprendín pola miña conta programación para facer aplicacións nunha PSP, que tiña liberado antes, cando estaba en 3º de ESO. Por iso, nada máis rematar o bacharelato, estudiei na Universidade da Coruña o grado e logo o mestrado en enxeñaría informática, do que como Traballo de Fin de Mestrado presentei un proxecto bastante interesante: un engadido para o videoxogo ‘Cities: Skylines’ que usa programación lóxica (en concreto, Answer Set Programming) para facer zonas industrais dentro do videoxogo. Actualmente, estou traballando remotamente dende Galicia como full-stack en Tiendeo, unha empresa de Barcelona. Somos un grupiño pequeno aquí en Galicia, pero cun bo ambiente, que é o que importa”, resume Rafa Alcalde, coñecido como Nekerafa no ciberespazo.

Con el falamos da instancia galega de Mastodon e profundamos nas características técnicas e nos principios éticos desta federación libre, descentralizada e de código aberto que impulsou hai xa seis anos o programador alemán Eugen Rochko.

"Púxenme mans á obra en maio, para ter preparada a instancia galega Mastodon.gal o día 17, para facela coincidir co Día das Letras Galegas"

Cando e por que decidiches crear a instancia Mastodon.gal?

Pois eu souben de Mastodon ao inicio da pandemia de covid-19, hai dous anos, cando houbo moita xente que empezou a mudarse a esta plataforma. Eu, coma moita desa xente que coñecía en Twitter, procurei unha instancia en galego en Mastodon na que poder falar tranquilamente no meu idioma e que estar preto doutras usuarias, poder empatizar e contarnos os nosos problemas, pero non atopaba ningunha. Pasaba o tempo e, vendo que ninguén a creaba, dixen: a ver, son informático, crear unha instancia non debe ser máis difícil que moitas das prácticas que fixen na universidade. Así que me puxen mans á obra en maio, para tela preparada o día 17, data na que fixen pública a nova instancia para poder coincidir co Día das Letras Galegas. Quería que fose o meu gran de area.

Cales son as túas funcións como administrador?

Sobre todo, manter a instancia estable. Tamén tarefas de moderación, coma revisar es noves usuaries que entran en Mastodon.gal, e pouco máis. De momento, non tivemos problemas, pero, se máis adiante temos algún problema entre usuarios na instancia, tamén debería facer de intermediario e moderador.

Como presentarías Mastodon.gal a quen non coñeza esta iniciativa?

Comentaría, en primeiro lugar, que Mastodon é unha rede social que, a diferenza das convencionais como poden ser Twitter ou Facebook, está federada en múltiples instancias. Mastodon.gal é a resposta á falta dunha instancia galega onde as, os e es galegues poidamos sentirnos coma no noso fogar.

"Ter unha comunidade centrada na cultura e lingua galegas permite dar voz a problemas máis locais e próximos"

Que papel pode xogar Mastodon.gal para dinamizar a lingua e cultura galegas no ciberespazo?

Principalmente a de ter un espazo propio onde poder usar a nosa lingua e comunicarnos con outras persoas próximas a nos. Ademais, Mastodon.gal está aberta á binormatividade da lingua, polo que as persoas poden usar tanto as normas reintegracionistas coma as da Real Academia Galega sen ningún problema.

Por outra banda, ter unha comunidade centrada na cultura e lingua galegas permite dar voz a problemas máis locais e próximos que, noutras comunidades, podería perderse ao abranguer maior distancia ou ao ter temas con máis popularidade, debido a opresión e sobreexposición doutras linguas e culturas dominantes, como pasa no resto de redes sociais.

Cales son as diferenzas e vantaxes de Mastodon fronte a plataformas comerciais e masificadas como Twitter, Facebook, Instagram, TikTok, etc. para esa dinamización da lingua e cultura galegas?

Coma dicía, as principais diferenzas que penso que ten Mastodon son que, ao ter localizada a área social que abrangue unha instancia, pódese dinamizar e potenciar mellor a lingua e a cultura galegas que nas redes sociais convencionais. Nestas últimas, o que pasa é que aínda hoxe non teñen filtros ou opción para marcar na lingua que se publica, non podes poñer a túa lingua na interface ou mesmo non che dan tanta popularidade ao abranguer un espectro máis pequeno da sociedade (iso vémolo sobre todo en TikTok ou mesmo en YouTube, onde se o teu contido non atrae moita xente, o algoritmo penalízate non recomendando os teus vídeos.

Para min as vantaxes de Mastodon son que non hai unha institución ou empresa detrás, polo que, por exemplo, o binormativismo da lingua galega ten cabida en Mastodon, como dicía. Ademais, coma os contidos só os posúe a instancia, non estás vendendo datos xeográficos ou persoais a terceiros. E ao ter un percorrido máis local, estás menos exposto a xente con pensamentos supremacistas ou que queiran invalidar a cultura e o idioma galego, como acontece en Twitter moi acotío.

Dise que unha das vantaxes de Mastodon é que non hai censura, como nas redes sociais comerciais, onde certos contidos poden ser eliminados e as contas suspendidas, mais cada instancia de Mastodon establece unha serie de regras e termos do servidor para evitar determinados perfís, mensaxes e contidos. Como se regula isto?

Primeiramente, temos que partir de que a censura que vemos nas redes sociais comerciais sempre vén da man dos intereses económicos das empresas e institucións que hai detrás. Regras sempre temos que ter, xa que como todes sabemos, non todo vale. Non podes pretender vir a Mastodon e deixar un comentario tóxico. Para estes casos, quen administra a instancia pode designar unha serie de persoas para que revisen os perfís novos, as mensaxes e os contidos que se publican (polo tanto, tes que confiar en alguén)

"En Mastodon, moitas instancias partimos dun código de conduta que sexa ético e moralmente positivo, onde todas, todos e todes poidamos sentirnos respectades"

Por que é necesario establecer un código de conduta ou de regras básicas en cada instancia de Mastodon? Que diferenza hai entre esas normas e as que aplican as redes sociais comerciais?

Como dicía, sempre temos que partir dunha base para comunicarnos entre as distintas persoas. En Mastodon, moitas instancias partimos dun código de conduta que sexa ético e moralmente positivo, onde todas, todos e todes poidamos sentirnos respectades.

E esta é a diferenza con respecto ás redes socias comerciais, nas que sempre hai un interese detrás de todo isto, porque, ao final, o que lles interesa é ter a maior cantidade de datos –e, polo tanto, a maior cantidade de xente– para poder revendelos. Ademais, nas redes sociais comerciais, o que se considera un ben común moitas veces non respecta as minorías. E entre os altos mandos destas redes sociais hai xente que precisamente non pensa nos problemas sociais des súes usuaries, polo que tamén estes códigos de conduta adoitan cambiar co tempo seguindo os seus intereses.

No caso da instancia Mastodon.gal, hai seis normas básicas. Podes explicarnos o porqué desas regras concretas?

As dúas primeiras teñen que ver cunha discriminación máis histórica e inclúense para mostrar que aquí as minorías se respectan e non imos tolerar comportamentos tóxicos contra elas. A seguinte explícase porque, ao ser un servidor localizado para as persoas galegas, temos que ter en conta a lexislación no noso ámbito xeográfico. A cuarta é porque Mastodon non é un sitio para a publicidade, polo que nos reservamos o dereito de eliminar ese tipo de contido. As dúas últimas teñen coma obxectivo a non exposición directa de materiais non adecuados para menores de idade ou mesmo para persoas ás que lles podan resultar molestos ou producirlles traumas. Se na túa vida tiveches problemas co alcol, non é bonito que outre usuarie publique cousas que teñan que ver co alcol sen notificalo ao principio.

"Unha empresa que entre en Mastodon será igual que outre usuarie máis; Mastodon é un sitio onde a publicidade non ten cabida"

Tería cabida en Mastodon.gal unha empresa que queira vender algún produto ou servizo?

Para unha empresa grande, que pense nos estilos clásicos de publicidade, non o creo. Mastodon é un sitio onde a publicidade non ten cabida. Primeiro, polas normas da propia instancia, onde non se permite o spam nin publicidade. Ademais, non tes as ferramentas para impactar nas persoas (como si ocorre nas redes sociais comerciais), xa que o que escribes non o podes publicar para diferentes categorías, zonas xeográficas, etc. Unha empresa que entre en Mastodon será igual que outre usuarie máis.

E partidos políticos?

Aquí penso que os partidos maioritarios non terían cabida e, sobre todo, moitos que contradín as normas da propia instancia, coma nos casos dos partidos que teñen coma bandeira eliminar os dereitos LGTBIQ+, das mulleres, inmigrantes e demais minorías. En cambio, partidos políticos locais, que se movan por unha causa social e más preto da cidadanía, con propostas e que queiran anunciar quedadas ou mobilizacións, por exemplo, eu creo que si que poderían ter cabida.

Se alguén considerado 'influencer' nas redes sociais comerciais abrise unha conta en Mastodon.gal, que consello lle darías?

Pois que non tome isto coma unha rede social tradicional. En Mastodon, por moita xente que que che engada a favoritos ou che faga boost (coma un retweet de Twitter), as túas mensaxes non van ser máis populares. Non hai ningún algoritmo implementado que faga isto (alomenos, na versión principal), polo que un non debe obsesionarse cos números en Mastodon.

Que non haxa algoritmos que privilexien determinados usuarios, como os chamados 'influencers', e que visibilicen máis uns contidos ca outros, como acontece nas redes comerciais, é unha volta ás orixes das redes sociais?

Eu pensaríao máis coma unha volta ao obxectivo inicial que tiñan servizos coma Tumblr, Twitter, Fotolog ou o xa extinto Picoteo (que pertencía a unha empresa española): o microblogging. Cada unhe ten o seu espazo no que publicar o seu propio contido, sen preocupación de ter que instalar ou mercar cousas nin de preocuparse por ter a maior popularidade. Ao final, é unha forma de volver democratizar o contido sen adulteralo.

"Dun tempo a esta parte, estase poñendo de relevo o poder do software libre e aberto"

Dise que Mastodon se diferencia tamén das redes sociais comerciais en que é unha rede descentralizada. Que vantaxes ten isto?

A descentralización ten múltiples vantaxes. A primeira é que, mentres haxa alomenos unha instancia en Mastodon, a rede pode seguir funcionando, cousa que nunha tradicional non pasa, xa que se a empresa ten que pechar, deixa de existir a rede. Outra idea da descentralización é que, ante problemáticas na nosa sociedade, pódense crear novas instancias para grupos ou rexións específicas sen depender doutra xente, coma no caso de Mantodon.gal

Outra singularidade de Mastodon, como comentabas, é que non hai publicidade nin empresas que controlen e recompilen datos dos usuarios. Como valoras isto?

Persoalmente, de forma moi positiva sendo un usuario que pensa na privacidade. É verdade que, ao final, os teus datos de usuarie están gardados na base de datos de quen administra a instancia, pero ninsto partimos da base da confianza dos nosos datos a unhe terceire. Podería darse o caso que alguén faga unha instancia para obter datos, pero isto non é o espírito de Mastodon, polo que posiblemente ese tipo de instancias quedarían fora de xogo ao estar bloqueadas poles demais admins.

Hai quen pensa que sen modelo de negocio non se pode manter unha rede social. Poden Mastodon.gal e calquera instancia de Mastodon manterse sen ánimo de lucro?

Pois depende moito da organización que hai detrás da instancia. Algunhas mantense grazas a ferramentas de padroado ou mesmo por doazóns que fan es propies usuaries da instancia. Noutras supón un investimento que absorbe que administran a instancia, sexa porque pagan elus o aloxamento (coma no caso de Mastodon.gal) ou porque teñen os servidores na casa. E hai casos nos que tamén poden manterse mediante algunha axuda estatal, sobre todo nos casos onde quen monta a instancia e unha asociación.

Todo isto que falamos ten moito que ver co feito de que Mastodon sexa unha plataforma federada e co seu código fonte aberto e libre. Que valor ten isto?

Pois para min, un gran valor. Principalmente porque, como xa comentei, non temos que depender dunha empresa que o controle todo. Tamén temos que destacar que, dun tempo a esta parte, estase poñendo de relevo o poder do software libre e aberto, sobre todo polas grandes comunidades que se tornan ao redor. De feito, Microsoft está mudando toda a súa estrutura privativa a unha máis aberta, porque elus mesmes son conscientes do que supón.

Primeiro: isto fai que os tempos de implementación de novas utilidades sexan moito menores que os do software privativo (como pasa coa funcionalidade de editar tweets en Twitter, cousa que xa existe cunha función similar en Mastodon). Segundo: que é unha consecuencia directa do anterior punto, os arranxos ante fendas e erros de seguridade fanse case inmediatos ao contar con tantos ollos que poden revisar o propio código. E terceiro: ao funcionar con tecnoloxías abertas e libres, que están documentadas, o funcionamento da rede de cara á implementación e administración é moi sinxela e moi doada de adaptar ante cada caso.

"Eu definiría o Fediverso coma todo o conxunto de tecnoloxías e protocolos abertos que permiten interconectar redes sociais libres e abertas"

Mastodon forma parte do que se coñece como Fediverso. Como lle explicas a alguén que non o coñece que é o Fediverso e as súas vantaxes?

Eu definiría o Fediverso coma todo o conxunto de tecnoloxías e protocolos abertos que permiten interconectar redes sociais libres e abertas. Partindo dun exemplo, imaxinémonos que estás en Facebook e dende alí empezas a mirar o que alguén comparte en Instagram, e esa persoa, dende Instagram, pode estar lendo cousas nun blog de Wordpress ou vendo unha transmisión de vídeo en Twitch. E todo iso, dende o servidor onde estás aloxado, sen ter que crear novas contas e puidendo compartir o contido. Pois isto é o que pasa con todo o que acontede no Fediverso, que alguén de Mastodon pode seguir a alguén de Pleroma, ou ver o contido de usuaries de Pixelfed ou mesmo estar lendo posts escritos en WriteFreely.

Pódese comparar o Fediverso co Metaverso?

Partindo da base tecnolóxica, non. O Metaverso, grosso modo, ten como o obxectivo principal a creación dunha realidade virtual ou alternativa, e moitas das tecnoloxías veñen do propio desenvolvemento dos gráficos por ordenador e videoxogos en liña. Os casos máis importantes de metaversos, ata antes do anuncio do proxecto de Facebook, témolos en Second Life, Habbo Hotel, PlayStation Home ou mesmo en videoxogos online masivos coma World of Warcraft e The Matrix Online. É verdade que agora xa temos cascos de realidade aumentada e a tecnoloxía para ser completamente inmersivos, pero os metaversos veñen dende hai bastante tempo.

Ademais, un dos compoñentes que ten moita relevancia no Metaverso –á parte do social ou mesmo do propio patrimonio inmaterial que se está xerando en moitas instancias do Metaverso – é a economía, con sistemas con activos tanxibles dentro do metaverso que poden ser intercambiados ou mesmo comprados con moedas en circulación, coma euros ou bitcoins, e que, en moitos casos, serven para a especulación. E isto non existe no Fediverso, pero porque non temos nada que se pareza remotamente aos sistemas económicos.

Que opinas sobre o ‘universo’ Twitter e as súas dinámicas? Ves diferenzas co ‘universo’ Mastodon?

Pois non tantas. Ao final todes somos humanes e temos as nosas dinámicas e formas de expresarnos. É verdade que dende fóra Mastodon parece máis aberta, ao ter instancias nas que podes expresarte libremente se pertences ao colectivo LGBTIQ+, ou se es feminista, etc., e esa mentalidade agradécese despois do constante acoso que existe en Twitter.

"En Mastodon non existen a popularidade nin os algoritmos que fan que nos volvamos adictos á plataforma reordenando o contido como lles pete"

Desde o anuncio de Elon Musk de que ía comprar Twitter, observouse unha migración de usuarios desta rede a Mastodon. Como interpretas isto?

Pois con agarimo, pero tamén con precaución. Agradécese que a xente empece a pensar en alternativas, sobre todo abertas e libres. O problema radica na cantidade de usuaries que se reteñen despois destas migracións. Confiar nun proxecto coma este, pero que ás dúas semanas esas novas contas deixen de estar activas, non serve para nada. Tamén outro problema que lle vexo é que, por simplicidade, moites destes noves usuaries van só ás instancias maiores, onde se atopan perdidos. O mellor sempre é ir a instancias pequenas nas que creas que podes estar máis cómodo.

Algo que piden moitas usuarias e usuarios de Mastodon aos que migraron desde Twitter é que non repitan os mesmos esquemas mentais e comportamentos que teñen na rede do paxaro azul. Estás de acordo? Que debe mudar alguén que pasa de Twitter a Mastodon?

Depende do que te refiras, eu estou de acordo, pero tamén penso que é unha parvada. Estou de cordo en que en Mastodon non existen a popularidade nin os algoritmos que fan que nos volvamos adictos á plataforma reordenando o contido como lles pete. Por iso é recomendable indicar a xente que aquí non teñen que pensar en números nin tendencias, e que tampouco se van topar con contido inadecuado de súpeto, porque Mastodon ten ferramentas para evitar isto.

Por outra banda, moita xente parte de que como o funcionamento de Mastodon é diferente, debemos cambiar de mentalidade con comportamentos que poden ser tóxicos, segundo eles. Que non fagamos capturas ás mensaxes ou que non bloqueemos se estamos nunha discusión e demais tolarías. Eu penso que este é un debate de balde e insulso. Cada persoa é un mundo e o que esquecen usuaries de Mastodon é que todos estes comportamentos nacen para protexerse do acoso. Crer que bloquear alguén é infantil é un comportamento inmaturo. Ademais de que se queres responder un comportamento que é tóxico respondendo ao autor orixinal, te expoñes a que os seus seguidores veñan acosarte.

O que pasa é que moites admins se viron superados pola chegada masiva de xente de Twitter, e por medo, penso eu, empezaron eles mesmos a reproducir condutas tóxicas e crerse os donos de todo, cando claramente ese pensamento vai en contra das ideas orixinais de Mastodon.

Cres que Mastodon pode chegar a ser unha alternativa que compita coas plataformas das grandes tecnolóxicas, ou debería protexerse da masificación de usuarios e dunha posible invasión de empresas e actores da política institucional?

Si e non. Da migración de usuarios non, porque para poder crecer coma rede social necesitas que a xente a utilice. Por iso sempre vén ben que máis xente empece a usar Mastodon para poder estandarizala coma alternativa. Isto tamén repercute ao segundo grupo, porque ao seren personalidades públicas, o uso de ferramentas públicas e libres permiten unha idea de maior transparencia, na miña opinión. Pola contra, si evitaría a chegada de grandes empresas. Moitas instancias teñen regras para evitar o spam e o uso abusivo, polo que non sería sinxelo o encaixe de grandes empresas en Mastodon. Coma xa dixen, empresas pequenas ou mesmo autónomos si que creo que terían cabida, sempre e cando respecten as normas da súa instancia.

"O ideal é que as persoas que se queiran unir a Mastodon veñan a instancias pequenas, ademais de que así evitamos que unha instancia teña todo o groso neste Fediverso"

Que vantaxes cres que ten para o usuario que Mastodon sexa unha rede de redes, integrada por subredes ou comunidades de usuarios autónomas pero interconectadas, chamadas instancias, como é o caso de Mastodon.gal?

Pois principalmente que cada instancia pode abranguer diferentes problemas sociais, ou dar unha resposta máis persoal, xa que es usuaries van preferir instancias que se adapten máis a elus mesmes. Ademais, como ao final todo está interconectado, non tes o problema de quedar illado do resto das demais redes, e isto é unha vantaxe fronte a outras solucións, sobre todo máis comerciais. Por iso dicimos que o ideal é que as persoas que se queiran unir a Mastodon veñan a instancias pequenas, ademais de que así evitamos que unha instancia teña todo o groso neste Fediverso.

Como che gustaría que fose Mastodon.gal no futuro?

Pois como unha alternativa máis rexional para es galegues que agora habitan en Twitter, e tamén que sirva como referencia para que máis xente dea o paso a Mastodon, ou mesmo servir coma base para que máis persoas creen instancias aínda máis locais polas que podamos federarnos, coma por exemplo vigo.social, ourense.social, corunha.gal, etc…

E con que argumento tentarías convencer alguén para que se sume á comunidade Mastodon.gal?

Somos aínda unha nova comunidade sen moita xente, e na que se permite o binormativismo da lingua (oxalá ter a alguén coma @emgalego na nosa instancia). Se queredes aprender con nós, estades convidados a participar, porque coido que é unha experiencia moi fermosa e moi enriquecedora.

Fóra de Mastodon.gal, estás traballando nalgún proxecto?

Actualmente teño un canal de Twitch (https://twitch.tv/nekerafa), onde fago moitos proxectos, e moi diversos: dende desenvolvemento de videoxogos, ata crear as miñas propias ferramentas de streamer, coma un bot para a canle, e, nestes momentos, un stream deck caseiro. O meu obxectivo con Twitch é facer proxectos pequenos para compartilos coa xente, polo que todos están liberados coma software libre nos meus repositorios de GitHub e GitLab.

Por outra banda, levo un proxecto grande, tamén persoal, no que estou tentando facer un embarcado para Raspberry Pi no que poder programar aplicación e videoxogos escritos en Lua, unha linguaxe de scripting moi extensible. Coma é persoal, non teño nin datas nin limitación, polo que o estou tomando de forma bastante relaxada. Aínda así, agardo telo o máis pronto posible, porque quero facer moitas cousas con isto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 josé m.

Únete ao fediverso en 90 segundos: - vai á tenda de aplicacións do teu móbil https://joinmastodon.org/apps (ou f-droid) - instala a aplicación oficial (hai moitas, pero por comodidade) - ao abrila preme en "Comezar", escribe no cadriño "mastodon.gal" e na seguinte pantalla - aceptas as normas (!), creas un identificador asociado a un email (non che pide o número de móbil!!) e a rular!! XD - un último paso: envíalle o teu identificador nunha mensaxe aos teus "grupos" convidándoos a participar da conversa no fediverso.