O consumo de cocaína en Santiago multiplicouse case por tres nunha década

O máximo pico acadouse en 2020, ano de pandemia de covid-19, de confinamentos e de restricións á mobilidade. Os datos obtidos de augas residuais sitúan o sábado e o xoves como días da semana de maior consumo de cocaína e cannabis en Compostela, ligados ás festas de fin de semana e universitarias.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O consumo de cocaína en Santiago de Compostela multiplicouse case por tres entre os anos 2011 e 2021. E os xoves universitarios estarían detrás dos maiores picos de consumo desta droga e do cannabis. As probas áchanse nas augas residuais da cidade, onde se atoparon importantes concentracións de benzoilecgonina, o principal metabolito da cocaína, cuxas cantidades veñen crecendo ano tras ano desde 2017. Isto sábese grazas ao maior proxecto europeo realizado ata a data no ámbito da ciencia emerxente da análise de augas residuais, desenvolvido polo Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías (OEDT) e  a rede europea Sewage analysis CORe group Europe (SCORE).

Cocaína.
Cocaína.

O proxecto analizou as augas residuais de 81 cidades de 25 países, entre 2011 e 2021, para estudar os hábitos de consumo de drogas dos seus habitantes, en concreto, de cocaína, anfetamina, metanfetamina, MDMA e cannabis. Na península ibérica, analizáronse as augas residuais de Santiago de Compostela, Barcelona, Tarragona, Valencia, Castelló, Porto, Lisboa e Almada.

A tendencia en Santiago é moi preocupante a partir do ano 2017, chegando a triplicar no 2020 as concentración de cocaína detectadas en 2011

No caso da capital galega, o máis salientábel é o aumento espectacular de restos de cocaína desde o ano 2017. En concreto, os datos sinalan que as augas residuais de Compostela tiñan de media, no ano 2011, unha concentración media diaria de 211,22 miligramos de benzoilecgonina por 1.000 habitantes, dato que contrasta cos 546,97 mg/1.000 h/día de media en 2021.

É dicir, o consumo de cocaína multiplicouse por 2,6 nese período e sitúa Santiago como a décimo segunda cidade na que máis se consome esta droga entre as 81 analizadas, nunha clasificación liderada por Anveres (Bélxica), onde se dispara até os 1.581,88 miligramos diarios de benzoilecgonina por 1.000 habitantes. Das cidades da península ibérica analizadas, só Barcelona supera a capital galega en concentración de restos de cocaína, cunha media diaria de 665,38 miligramos, situándose no oitavo lugar.

A tendencia en Santiago é moi preocupante a partir do ano 2017. Entre 2011 e 2016, as concentración estiveron entre o máximo de 239,97 mg/1.000 h/día de media rexistrado no ano 2012, e o mínimo de 130,21 mg en 2013. Pero a partir de 2017, esas concentración disparáronse até os 342,68 mg e 352,15 97 en 2018.

O ano 2019 marcou tamén outro salto substancial, cun aumento das concentración até os 500,54 mg/1.000 h/día. Pero o máis soprendente foi a repunta en 2020, ano da declaración da pandemia de covid-19, de confinamento e restricións, cando se acadaron os maiores rexistros históricos, 610,78 mg., multiplicando por tres as concentración detectadas en 2011. E aínda que en 2021 se observou unha lixeira caída, até os 546,97 mg., foi o segundo maior rexistro na serie histórica.

Como no caso da cocaína, obsérvase un aumento considerable nos restos de MDMA en augas residuais, pasando de mínimos en 2011 e 2012 a un máximo no ano 2020

A cocaína é a única das drogas analizadas nas augas residuais de Santiago para a que existen datos da serie histórica completa, entre 2011 e 2021. No caso do MDMA, hai case rexistros completos (só faltan datos de 2013) que permiten observar, como no caso da cocaína, unha tendencia moi preocupante á alza, pasando de mínimos en 2011 e 2012 de 5,99 e 5,05 mg/1.000 h/día, a un máximo de 29,64 no ano 2020. Novamente, volve observarse unha repunta espectacular desta droga no ano máis duro da pandemia de covid-19, como aconteceu coa cocaína, dobrando os valores dos anos anteriores (até 2020, o máximo valor rexistrado fora de 15,04 mg., rexistrado en 2019). Ademais, obsérvase que o consumo de MDMA caeu en 2021 case aos valores prepandémicos, cunha media de 17,78 mg/1.000 h/día. Con eses últimos datos, Compostela sitúase no posto 28 entre as 81 cidades estudadas, lideradas por Ámsterdam (125 mg/1.000 h/día).

No caso do cannabis, non hai datos entre os anos 2014 e 2017; con todo, as concentración atopadas nos extremos da serie, no ano 2011 e 2021, mostran que apenas mudou o seu consumo, con concentracións de 78,79 mg/1.000 h/día no primeiro ano e de 82,68 no último. Neste apartado, Compostela ocupou no ano 2021 o posto 20 entre as 81 cidades europeas analizadas, lideradas por Barcelona, con 455,92 mg/1.000 h/día.

En canto á anfetamina, tan só hai rexistros dos anos 2011, 2017, 2019 e 2021. Con eses datos pódese observar que o seu consumo caeu máis da metade, pasando de 33,84 mg/1.000 h/día en 2011, a 14,46 en 2021. Con todo, parece constatarse unha repunta desde 2017, cando se atoparon concentracións medias de 6,42 mg, que aumentaron a 10,04 mg en 2019 e a 14,46 en 2021.

Para a metanfetamina non existen datos de Compostela. Os datos indican que esta droga é máis usada en cidades do centro e leste de Europa.

O feito de que a heroína non fose incluída nestes estudos realizados desde 2011 até agora débese a que o metabolito específico da heroína, 6-monoacetilmorfina, é inestable nas augas residuais. Por conseguinte, a única alternativa era utilizar a morfina, aínda que non é un biomarcador específico e tamén pode excretarse como resultado dun uso terapéutico. Polo tanto, os problemas para seleccionar os obxectivos analíticos no caso da heroína fan que a vixilancia desta droga nas augas residuais sexa máis complicada que a doutras substancias.

DIFERENZAS ENTRE PAÍSES E CIDADES

En conxunto, os resultados do proxecto revelaron diferentes patróns xeográficos e temporais de consumo de drogas nas cidades europeas. A mostraxe anual de augas residuais amosou que, en xeral, as concentracións das diferentes substancias estimulantes detectadas nas augas residuais en 2021 variaron considerablemente entre as distintas localidades do estudo, aínda que se atoparon todas as drogas ilegais investigadas en case todas as urbes analizadas.

O consumo de cocaína segue sendo máis elevado nas cidades do oeste e do sur de Europa, especialmente nas urbes de Bélxica e Países Baixos, e no Estado español

As concentracións de benzoilecgonina observadas nas augas residuais indican que o consumo de cocaína segue sendo máis elevado nas cidades do oeste e do sur de Europa, especialmente nas urbes de Bélxica e Países Baixos, e no Estado español. Na maioría das cidades do leste de Europa detectáronse niveis baixos, aínda que os datos máis recentes amosan algúns indicios de aumento. Nun proxecto europeo de augas residuais recente, EUSEME , detectáronse residuos de crack (cocaína procesada para formar cristais de rocha) nas 13 cidades participantes e en todos os días de mostraxe, rexistrándose as concentracións máis altas en Ámsterdam e Anveres.

Entre 2011 e 2015 observouse unha tendencia relativamente estable no consumo de cocaína na maioría das cidades. A partir de 2016, había evidencias de que este patrón estaba a mudar, cun aumento na maioría das cidades cada ano. Así, os datos de 2021 revelan un aumento dos residuos de cocaína na maioría das cidades, en comparación cos datos de 2020.

As concentracións de anfetamina detectadas en 2021 nas augas residuais variaron considerablemente entre os lugares de estudo, observándose os niveis máis altos nas cidades do norte e do leste de Europa, como en anos anteriores. Nas cidades do sur de Europa detectáronse niveis moito máis baixos. As concentracións máis altas detectáronse en cidades de Suecia, Bélxica, Holanda e Finlandia.

Pola contra, o consumo de metanfetamina, xeralmente baixo e historicamente concentrado na República Checa e Eslovaquia, tamén estivo presente en Bélxica, o leste de Alemaña, España, Turquía e o norte de Europa. As concentracións de metanfetamina observadas noutros lugares foron moi baixas ou insignificantes.

O cannabis é a droga ilegal máis consumida en Europa; calcúlase que máis de 22 millóns de persoas consomen esta substancia

As concentracións máis altas de MDMA detectáronse nas augas residuais de cidades de Bélxica, Alemaña, Holanda, Suecia e Noruega.

O cannabis é a droga ilegal máis consumida en Europa. Os datos estimados sitúan en 22,1 millóns o número de consumidores desta substancia o ano pasado. Segundo os autores do estudo, o consumo de cannabis pareceu ter sido menos afectado durante os períodos de bloqueo pandémico, aínda que houbo diferenzas entre e dentro dos países. As concentracións de THC-COOH observadas nas augas residuais indican que o consumo de cannabis foi máis alto nas cidades do oeste e do sur de Europa, especialmente nas cidades da República Checa, Croacia, España, Holanda, Portugal e Eslovenia. En 2021, máis de dúas quintas partes das cidades informaron dun aumento na presenza de THC-COOH nas mostras de augas residuais.

O estudo tamén revelou diferenzas entre cidades dentro dun mesmo Estado, que se poden explicar, en parte, segundo os expertos, polas diferentes características sociais e demográficas das cidades (universidades, zonas de ocio nocturno e distribución por idades da poboación). Na maioría dos países con múltiples lugares de estudo, as concentracións de cocaína, metanfetamina e MDMA foron máis altas nas grandes cidades que en urbes máis pequenas. Pero non se puideron detectar diferenzas tan marcadas para a anfetamina e o cannabis.

Ademais dos patróns xeográficos, a análise de augas residuais pode detectar flutuacións nos patróns semanais de consumo de drogas ilegais. Máis de tres cuartas partes das cidades teñen concentracións máis altas de cocaína e MDMA nas súas augas residuais durante a fin de semana (de venres a luns) que durante os días laborables, aínda que gran parte da economía nocturna estivo pechada en Europa en 2021. En cambio, as anfetaminas, o cannabis e o consumo de metanfetamina repartíronse de forma máis uniforme ao longo da semana.

CANNABIS E COCAÍNA OS XOVES UNIVERSITARIOS EN SANTIAGO

En Santiago de Compostela, o maior pico de concentracións de restos de cocaína nas augas residuais atopouse os domingos, cunha media de 768,73 mg/1.000 h/día, o que indicaría un maior consumo desta droga os sábados.

O venres é o día da semana con maior concentración de restos de cannabis e o segundo en restos de cocaína en Santiago, ligado ás noites dos xoves universitarios

Chama a atención que o segundo día con maior concentración é o venres, con 699,87 mg., o cal estaría relacionado coas noites dos tradicionais xoves universitarios, día da semana no que o estudantado celebra festas polas noites. Pola contra, o martes foi o día que menos concentracións se atoparon, unha media de 337,03 mg/1.000 h/día, é dicir, o luns sería o día da semana no que menos se consome esta droga na capital galega.

En canto ao cannabis, os niveis apenas varían entre días de maneira significativa, se ben é o venres cando máis restos se acumulan nas augas residuais, 112,21 mg/1.000 h/día, de novo conectado coas festas dos xoves universitarios.

No caso da anfetamina, curiosamente, o día que menos concentracións se rexistran son os venres (despois das festas universitarias); con todo, as variacións entre días da semana son pouco substanciais, entre os 10,77 mg/1.000 h/día dos venres e os 17,41 mg. rexistrados de media os domingos, polo efecto das noites do sábado.

E co MDMA acontece prácticamente o mesmo que coa anfetamina, coas maiores concentracións os domingos (29,01 mg/1.000 h/día) e cos valores máis baixos os luns, martes e venres.

Semella, polo tanto, que os xoves universitarios son impulsores dun maior consumo de cocaína e cannabis.

ÚLTIMA ACHEGA

A esta debuxo xeneral coa recompilación dos estudos realizados desde 2011 até 2021 súmase a máis recente das achegas dentro deste proxecto, un traballo liderado polo  

Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS) da Universidade de Santiago, no que se investigou o consumo de anfetamina, metanfetamina, éxtase, cocaína e cannabis, ademais de alcohol e tabaco, entre marzo e xullo de 2020, nos meses máis duros da pandemia de covid-19 polos bloqueos e confinamentos. Neste caso, o estudon das augas residuais centrouse en catro cidades do Estado español e dúas de Portugal: Santiago de Compostela, Bilbao e a súa área metropolitana, Vitoria-Gasteiz, Castelló, Porto e Vila do Conde.

Os resultados mostran que non se detectou metanfetamina en ningunha das localidades monitorizadas, mentres que o consumo de anfetamina só se detectou nas dúas localidades do País Vasco, cunhas taxas medias de uso estimadas elevadas (700– 930 mg día por 1.000 habitantes). O resto de substancias detectáronse en todas as zonas de captación investigadas.

En xeral, non se atoparon cambios notables con anos anteriores, agás para a cocaína (é dicir, o seu principal metabolito, a benzoilecgonina), na que se observou un notable descenso do seu consumo en Castelló, mentres que en Santiago de Compostela e Porto certifícase que mantivo a tendencia ascendente iniciada nos anos anteriores, sen que as restricións pola covid-19 afectasen o seu consumo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta