Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2022 | Actualizada ás 20:55
O Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) reelixiu este xoves a Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) presidenta. A súa candidatura foi a única presentada e afronta agora o que será o seu segundo e último mandato.
Segundo traslada o CCG, a presidenta enfróntase ao novo período "con renovado impulso" e a intención de manter "os seus sinais de identidade: xestión participativa, procura de novos públicos, cohesión do tecido cultural galego e colaboración con todo tipo de entidades, así como a promoción exterior da cultura galega".
O Plenario validou o proxecto presentado por Rosario Álvarez, que manifestou o seu desexo de continuar cunha dirección non presidencialista senón marcada por unha xestión participativa que contribúa a activar a implicación dos membros do Plenario xunto cos das Seccións, Comisións e Arquivos.
Na súa intervención, a presidenta electa incidiu na relevancia de fortalecer internamente a institución e reforzar a cohesión do sistema, procurando unha interlocución fluída con axentes culturais de diverso tipo.
Ademais, apelou a ofrecer espazos de confluencia para toda a sociedade nos que "compartir reflexións, inquietudes, balances, propostas de futuro, problemas e solucións, formación e divulgación de novo coñecemento", sempre ao redor da cultura galega.
Rosario Álvarez comparecerá como presidenta electa no Parlamento de Galicia e o seu nomeamento será efectuado polo Consello da Xunta de Galicia e posteriormente publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Tras a súa incorporación oficial, o Pleno do Consello da Cultura Galega elixirá os membros da nova Comisión Executiva a proposta da presidenta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.