Máis de 200 colectivos dirán "non" aos eólicos nunha gran marcha en Santiago

Piden "unha enerxía para e por o pobo".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/06/2022 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

A Coordinadora Eólica Así Non acada a adhesión de 217 entidades e plataformas galegas de diferente índole (ecoloxistas, veciñais, culturais, sociais, sindicais, políticas…) que se botarán ás rúas de Compostela o vindeiro domingo, 5 de xuño, Día Internacional do Medio Ambiente, para reclamar un modelo enerxético xusto coa sociedade galega e sustentábel co medio ambiente.

Unha vaca fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha, a 22 de febreiro de 2022, en Abadín, Lugo
Unha vaca fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha, a 22 de febreiro de 2022, en Abadín, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Tras o anuncio público da convocatoria da marcha, o pasado 25 de maio, sumáronse a esta causa outras 32 entidades a maiores das que xa participaron en anteriores mobilizacións convocadas pola coordinadora e que recibiron un multitudinario apoio, como a manifestación do 5 de xuño de hai un ano, ou a celebrada en todo o país con motivo do Días das Montañas, o pasado 11 de decembro.

"Resulta cada vez máis evidente a falta de planificación e ordenación do actual desenvolvemento de enerxías renovábeis, nomeadamente a eólica, que volve colocar a

Galiza nunha situación de extrema ameaza ambiental e social", apunta Adega nun comunicado. Así, critica que baixo escusa dunha “transición ecolóxica”, dirixida actualmente polas grandes multinacionais da enerxía coa conivencia e sumisión das administracións públicas, se encha Galicia de eólicos.

Máis de 275 proxectos eólicos, coas súas liñas de evacuación, están actualmente en tramitación na Xunta que, sumados aos proxectos de competencia estatal, xa superan os 300. "Ante tal espolio eólico do territorio galego e a falta de amparo por parte das administracións públicas, máis preocupadas en dar facilidades ás grandes coorporacións depredadoras, non é de extranar que cada vez sexa máis amplo o rexeitamento social da poboación galega ao actual modelo enerxético", indica Adega nun comunicado.

Por iso, o vindeiro domingo, 5 de xuño, coindicindo co Día Mundial do Medio Ambiente, as

máis de 200 organizacións que forman parte de Eólica Así Non convidan á sociedade galega a participar nunha grande mobilización en Santiago de Compostela. "O obxectivo é manifestar o apoio ás fontes de enerxía renovábel pero a través dun modelo enerxético de implantación xusto e sustentábel, concibido para dar servizo ao pobo e ao interese público e no que teña cabida o autoconsumo e outras formas de produción alleas ao oligopolio enerxético", apunta. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta