As guerras da auga na área da Coruña: “sae negra pola billa, isto que leva non é terra”

O estalido dunha tubería entre Cambre e Oleiros saca á luz os enfrontamentos entre ambos concellos, os contratos sospeitosos dun deles e o calvario dunha casa na que as billas reparten café unha vez ao ano dende 2017.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado luns 18 de maio rebentou unha tubería na rúa Costa da Tapia, en Cambre, A Coruña. A explosión do conduto deulles o día aos miles de persoas que conducen cada xornada por este enlace entre A Coruña e a súa área metropolitana. Pero, ademais da auga, a tubería en cuestión vén de sacar á superficie tres pequenas historias da área de Oleiros e Cambre, dous concellos enfrontados para os cales non han de quedar moitas pingas ata que o vaso reborde. 

Unha piscina con auga de coloración marrón en Cambre
Unha piscina con auga de coloración marrón en Cambre | Fonte: Cedida

Non é a primeira vez que a Costa da Tapia dá problemas. En outubro de 2021, unha fuga semellante na mesma rúa volveu poñer patas arriba este enclave de Cambre na fronteira con Oleiros. O problema está, precisamente, en que a tubería pertence a Oleiros malia estar en territorio estranxeiro. Un pensaría que, cos antecedentes dados, os consistorios contan xa cunha vía rápida –ou, cando menos, ensaiada— para dar saída a estes problemas. Nada máis lonxe: a rotura deste plástico volveu provocar un conato de enfrontamento entre ambos concellos, con posts de Facebook e whatsapps cáusticos incluídos. 

Para Oleiros, o problema está nas demoras que Cambre impuxo no arranxo da canalizacións. Ao tratarse dun terreo alleo, Oleiros precisaría dunha serie de permisos para poder poñerse mans á obra. Por iso pouco despois da explosión a concesionaria da auga de Oleiros pediu “celeridade” aos seus veciños. Non funcionou. Ao parecer, e xusto despois de colgar o teléfono, o concelleiro de Urbanismo e Obras de Cambre asegurou ao xestor da empresa que “se ían sufrir os efectos colaterais da actitude belixerante do alcalde oleirense cara a Cambre”, razón pola cal, argüíu, as reparacións non poderían comezar até o venres. Todo nun whatsapp.

Aí foi cando Gelo reaccionou afiando as teclas no Facebook para denunciar a “irresponsabilidade e menosprezo” aos cidadáns de Oleiros... e tamén a algúns de Cambre. Porque a canalización da Tapia, segundo o consistorio con máis renda media de Galicia, abastece tamén a parte dos veciños do outro lado. Oleiros puxo entón ao servizo destes desposuídos parte do depósito municipal do Coroto, e a xente tivo auga na billa ata que se logrou reparar a tubería, o venres.

Sobre a “actitude belixerante” de Oleiros a Cambre, cómpre lembrar que este non é o primeiro roce acontecido entre consistorios. No Concello de Oleiros negan belicosidade algunha, pero si recoñecen que Gelo “denuncia as intervencións que son irregulares ou incumpren as normativas”, tamén ao outro lado do telón. Tal foi o caso das Casas Baily, dúas mansións indianas en ruínas coas que, segundo Gelo, o consistorio de Óscar García pretende dar un pelotazo urbanístico. O alcalde de Oleiros tivo que declarar nos xulgados da Coruña despois de ser denunciado por calumnias. Gelo aproveitou a vista xudicial para reafirmarse na denuncia destas “falcatruadas urbanísticas”.

Non é de esquecer tamén que Gelo e Óscar García compiten por un mesmo espazo electoral. Ambos gobernan baixo unha marca independente, a veterana Alternativa dos Veciños e Unión por Cambre, respectivamente. Nas últimas locais, García varreu as eleccións de Cambre cunha maioría simple a grande distancia do candidato de Alternativa. Con todo, tamén en Cambre hai un sentimento ‘gelista’. En 2019 un grupo de veciños reclamou a “independencia” do seu concello para anexionarse ao do lado. “Queremos irnos con Gelo”, dicían. Os veciños –adivinárono-- viven na Costa da Tapia. 

UNHA CONCESIÓN BAIXO SOSPEITA

A segunda historia filtrada pola tubería rebelde queda en Cambre, e ten que ver coa compañía que dende o tempos inmemoriais presta servizo no concello. Augaservi leva dende 1991 desempeñando esta faena, co detalle de que máis da metade deste tempo estivo en situación precaria e irregular.  

Nese ano 91, as eleccións municipais déronlle o bastón de mando ao socialista Antonio

Varela. Varela traía consigo a José Luís Muñiz ‘Manis’, que desempeñou a carteira de urbanismo ata que uns escándalos o obrigaron a dimitir a finais da década. Anos despois, coñeceuse que alcalde e concelleiro montaran unha empresa de construción e que, estando aínda ambos no consistorio, conseguiran permisos para edificar 300 vivendas. O TSXG arquivou o caso en 2006.

O caso é que, á chegada de ‘Manis’ e Varela, o Concello decidiu contratar a auga a José Manuel Otero Díaz, que por aquel entón tiña unha empresa de fontanería. Esta pasaría a chamarse, tempo despois, Augaservi, desempeñando o servizo con legalidade até 2005. Empresario e concelleiro viviron nalgún momento na parroquia de Brexo Lema, onde fontes veciñais apuntan a unha relación de familia política entre eles. Este extremo non puido ser confirmado. 

A concesión de ‘Manis’ rematou en marzo de 2005, sen ter, en principio, a posibilidade de novas prórrogas. Pero Varela, que seguía á fronte do consistorio, resolveu darlle de novo o servizo nun negociado sen publicidade por outros seis meses. Cando o semestre venceu, o Concello pensou que o mellor era que Augaservi seguira ao cargo da auga “ata que se producira unha nova adxudicación”, que, por suposto, nunca se deu. 

31 anos despois, o goberno de Unión por Cambre tenta desfacerse de Augaservi para constituír unha empresa pública e municipalizar o servizo. Pero o trámite, explica, o alcalde, é difícil: “queremos dar pasos seguros. Porque se non mañá denuncian, imos aos xulgados e...”. De aí que o proceso leve xa en marcha dous anos e só agora enfronte unha “recta final” que supoñerá, polo menos, outras dúas anualidades. Será entón cando Augaservi, se se cumpren os plans, abandone o servizo do Concello. A sede da empresa, por certo, está a 35 metros do edificio do consistorio, na mesma rúa. 

“ISTO NON É AUGA”

Augaservi, por certo, está repleta de reseñas negativas nos seus resultados de Google. Diversos veciños acusan á concesionaria de mandar auga con terra ás súas casas. "Siempre agua turbia, luego se estropean los lavavajillas, lavadoras, calentadores y etc...”

Galicia Confidencial puido contactar cunha veciña afectada por este problema que se repite entre abril e maio dende, polo menos, 2017. “Eles chámanlle turbidez, pero a auga trae residuos sólidos, máis que terra”, explica María Aneiros. Dende o Concello explican que, de acordo con Emalcsa, a auga entra dentro dos límites legais e é potable. Os veciños, ante a imposibilidade de custear un estudo propio, recorren á auga embotellada no día a día. “Había momentos en que non sabía como facer para bañar ao neno, porque a auga sae negra. A min que non me digan que é turbidez. Isto non é auga, non sei o que sae por aí, pero...”, explica. 

Dende o concello desligan a Augaservi da responsabilidade e apuntan a Emalcsa, empresa encargada da recollida e tratamento en orixe do líquido. “O problema estaría, pois, na cloración do río Mero e a depuradora da Telva. “ Sae turbia en Cambre, en Oleiros, en Bergondo, en Sada e na Coruña”, incide García Patiño, que explica: “acumúlanse unhas partículas na película interior das tuberías, e cando hai cambios de presión, como nestas datas, arrástranse esas partículas e sae turbia a auga”. O rexedor apunta ao enchido de piscinas, abundantes na zona, como unha das orixes do cambio de presión. Precisamente, Cambre xa reclamou aos seus veciños que evitaran abusar da traída en episodios de turbidez previos. 

Ante esta problemática, García Patiño sinala que o mellor é “abrir a billa e deixala correr” ata que o caudal volva ser limpo. Galicia Confidencial tentou contactar con Emalcsa para coñecer a súa versión dos feitos, pero a compañía afincada na Coruña non deu resposta ao teléfono. O silencio da compañía podería constituír un delito coa nova Lei de Telecomunicacións que vén de lanzar o Goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta