A Xunta pide ao Goberno central que amplíe o prazo para implantar o colector marrón en concellos

A conselleira de Medio Ambiente reitera que o prazo do 30 de xuño é "totalmente inasumible" e que expón aos concellos a multas elevadas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/06/2022 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, enviou unha carta á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, na que lle pide "reconsiderar" a decisión e "ampliar o prazo" para a implantación do colector marrón para a recollida de biorresiduos para concellos maiores de 5.000 habitantes. O prazo ao que obriga o Executivo central rematará o 30 de xuño e a Xunta, como xa remarcou a conselleira, veo "totalmente inasumible" para a maior parte de concellos afectados.

Colector marrón
Colector marrón | Fonte: Europa Press.

Na misiva, que ten data de 2 de xuño, o Executivo galego remarca que leva "meses" apoiando ss entidades locais no proceso de implantación da recollida separada dos residuos de materia orgánica co obxectivo de que poidan adaptarse "o máis rápido posible" ás directivas europeas e aos prazos fixados nesta materia.

Por esta razón, aseguran que "sorprende" o feito de que no artigo 25 da recentemente aprobada Lei estatal de residuos e chans contaminados para unha economía circular, se obrigue aos concellos de máis de 5.000 habitantes a instaurar a recollida separada de biorresiduos de orixe doméstica antes do 30 de xuño.

Non en balde, a Xunta remarca que isto supón "adiantar en ano e medio o prazo establecido por Europa", que dá de marxe a todos os municipios ata decembro de 2023.

"Un período de tempo moito máis amplo e obxectivo que tamén se recolle na lei galega de residuos e chans contaminados, que foi aprobada polo Parlamento de Galicia en febreiro de 2021 e que segue a senda marcada polas directrices europeas", agrega.

RISCO DE MULTAS ELEVADAS

A conselleira incide na súa carta á ministra en que a Xunta descoñece as razóns dunha decisión "unilateral" do Goberno estatal que ve "de xeito evidente inxusta" cos concellos galegos, xa que "lles concede moi pouco tempo de adaptación".

Mentres, subliña que entidades locais de toda a Unión Europea teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para introducir a recollida da fracción orgánica.

"A data de 30 de xuño de 2022 para implantar o quinto colector é un prazo totalmente inasumible para a maioría de concellos de máis de 5.000 habitantes", insiste.

E, ademais, engade, "exponos a elevadas sancións de ata 100.000 euros", xa que a norma estatal fixa como infracción grave ou incumprimento desta obrigación.

Por iso, e "recollendo o sentir" das entidades locais galegas, insta o Goberno central a que reconsidere a súa postura e amplíe este prazo, dando un maior período de tempo ás administracións locais para realizar esta transición, "un complexo proceso que require tempo, planificación e recursos que permitan reestruturar todo o servizo de recollida de residuos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta