San Simón, epidentro dunhas xornadas sobre a "importancia histórica e cultural" do exilio

Trátase do congreso 'Legados dende a dislocación. Intervencións no presente e imaxinación do futuro nos exilios da Guerra Civil' que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) na illa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

Os legados artísticos, musicais, literarios, políticos e históricos que deixaron as persoas que tiveron que exiliar. Este foi o centro das análises que se desenvolveron este xoves no congreso 'Legados dende a dislocación. Intervencións no presente e imaxinación do futuro nos exilios da Guerra Civil' que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) na Illa de San Simón.

Illa de San Simón, na ría de Vigo
Illa de San Simón, na ría de Vigo | Fonte: turismo.gal

"A situación actual da guerra da Ucraína ponnos na sensibilidade de recoñecer a importancia dos exilios e a necesidade da súa análise", afirmou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na

inauguración. A cita, que busca prestar atención ás formas de inserción das persoas exiliadas nas sociedades de acollida dende a militancia, aos legados culturais que deixaron durante o tempo no desterro e aos futuros que imaxinaron, remata este venres cunha conferencia de clausura a cargo do historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, logo dun percorrido a través dos legados culturais.

O historiador e expresidente do CCG, Ramón Villares, foi o encargado da conferencia de apertura que ofreceu, en clave “galeuzcana”, un relato da conexión do exilio co período de transición democrática. A súa intervención partiu da coñecida como comisión dos 'nove', constituída pola oposición antifranquista que chegou a unha serie de acordos e pactos con Adolfo Suárez para trazar un percorrido histórico que o levou desde a Guerra Civil do 36 ata o presente. 

XORNADA DO VENRES

O Congreso remata este mesmo venres con dúas mesas. A primeira delas está encamiñada a ofrecer unha ollada de futuro. Giulia Quaggio será a moderadora e nela participan Manuel Artime, da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), que falará das Españas do exilio; Mari Paz Balibrea, da University of London, quen ofrecerá un relatorio titulado “Renuncia á identidade e imaxinación posnacional na obra de Josep Solanes”; e Pablo García Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela, que tratará o legado do Laboratorio de Formas de Galicia.

A terceira e última mesa leva por título “Legados culturais” e modera Manuel Artime. Conta coa presenza de Jorge de Hoyos Puente, da UNED, que abordará os legados institucionistas no exilio republicano; Teresa López, da Universidade da Coruña, que presentará “(Re)creando comunidade: o teatro galego en Bos Aires, entre a emigración e o exilio” e por último, Eva Moreda, University of Glasgow, que trata o “Diálogo interxeneracional e memoria na España posfranquista. O Libro de cantares de Julián Orbón”. A conferencia de clausura corre a cargo do historiador e vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé M. Núñez Seixas.

Esta actividade insírese no marco do convenio asinado entre o CCG e o Concello de Redondela para desenvolver unha actividade anual relacionada co pasado histórico da illa, ben sexa medieval, ben sexa como lugar de memoria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta