Comesaña: "O problema é que non hai médicos para contratar"

O conselleiro afirma que Galicia asume "as súas competencias" para mellorar as condicións dos médicos co fin de paliar o déficit destes profesionais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/06/2022 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reivindicou este martes que Galicia "asume as súas competencias" coa mellora das condicións retributivas dos médicos co fin de paliar o déficit destes profesionais, á vez que esixiu ao Ministerio de Sanidade que asuma as súas e posibilite "máis prazas de formación" porque "non hai médicos para contratar".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acode á presentación da memoria anual de actividades do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS)
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acode á presentación da memoria anual de actividades do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) | Fonte: Xunta.

Así o manifestou antes de participar no Hospital Clínico de Santiago na presentación da memoria anual de actividades do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). "O problema é que non hai médicos para contratar", insistiu ao ser preguntado sobre se suporá máis "sobrecarga" para os facultativos a falta de especialistas.

"Temos que centrarnos no verdadeiro problema que vivimos no Estado, que é a falta de médicos especialistas", esgrimiu preguntado polos complementos aos salarios dos profesionais polo incremento de traballo. "Non damos formado os médicos que necesitamos, por iso o Goberno galego pide desde hai tempo o incremento do número de prazas formativas con pouco éxito", explicou.

Por iso, ante a "falta de médicos", o Sergas "oferta as mellores condicións" que ten "laborais cunha praza fixa" e retributivas, "ofrecendo o mesmo que cobran as persoas que fan ese traballo igual", matizou.

Neste sentido, defendeu que Galicia "está a facer un esforzo importantísimo" en "ofrecer as mellores condicións laborais e económicas que cobran a persoas que fan o mesmo traballo no Sergas a día de hoxe", puntualizou

PREGUNTAS A RUEDA NO PARLAMENTO

A defensa dos intereses de Galicia ante o Estado e a situación da Atención Primaria centrarán as preguntas do BNG e do PSdeG ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no próximo pleno da Cámara, que terá lugar os próximos días 28 e 29 de xuño.

A orde do día, fixada este martes na Xunta de Portavoces, arrincará coa comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García. Tras iso, interromperase a sesión con motivo da celebración do acto de entrega das Medallas Castelao.

O pleno retomarase pola tarde co debate para a aprobación definitiva do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga; así como a toma en consideración do Proxecto de lei de áreas empresariais de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta