Por Manuel Rodríguez Alonso | Cangas | 06/08/2014 | Actualizada ás 13:15
Filgueira Valverde foi un profesional das letras, pero sobre todo e ante todo, desde o meu punto de vista, foi un profesional da política franquista e despois da Transición, do PP, aínda que non sei se tiña o carné deste partido. Chegará a ser conselleiro de cultura da Autonomía entre 1982 e 1983, así como presidente do Consello de Cultura. Malia que desde o Rexurdimento o galeguismo é un movemento fundamentalmente progresista e así o testemuñan claramente a obra de Rosalía ou Curros ou a inclusión do Partido Galeguista dentro da Fronte Popular, o certo é que no galeguismo tamén existe unha póla reaccionaria ultracatólica e mesmo de raíz carlista. Aí están os casos de López Ferreiro ou o propio Losada Diéguez. O ultracatolicismo é evidente en Otero Pedrayo e xa non digamos en Risco.
Filgueira Valverde antes da Guerra Civil é un representante dese galeguismo ultracatólico, reaccionario e exaltador da Idade Media. É coñecido por todos que, cando se produce a colaboración do Partido Galeguista cos partidos da Fronte Popular, Filgueira Valverde será unha das grandes figuras da escindida do PG Dereita Galeguista. Como ben sinalan investigadores como Justo Beramendi (De provincia a nación. Historia do galeguismo político) a obsesión deste grupo era a defensa da relixión católica ao xeito tridentino e a conexión cos propietarios agrícolas que vían na República un evidente perigo. Outro prestixioso investigador da nosa historia recente, Xosé Álvarez Castro, reproduce no seu Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939) algúns puntos do programa da Dereita Galeguista, que é necesario reproducir: Consideramos a Relixión Católica como fundamental da tradición galega enxebre, coa que é consustancial e inseparable. Decraramos que unha auténtica cultura galega ten que estar decote inspirada na conceición católica do mundo e da vida humán e no sistema de valores éticos, estéticos e científicos que o catolicismo representa. Do mesmo xeito, igual que fará despois o Movimiento Nacional, rexeitan a democracia inorgánica a prol da medieval democracia orgánica:… compre evitar que a súa composición (a do parlamento galego) sexa excrusivamente de representantes do voto popular inorgánico, senón que nil deben ter unha participación as corporacións que representan intereses económicos e espirituaes, pra evitar que Galiza sexa gobernada ao seu xeito pol-os partidos e fracción políticas…
En fin, Filgueira Valverde era ideoloxicamente, visto o visto, un ultraconservador cuxa ideoloxía entraba dentro do chamado nacionalcatolicismo, que será realmente o principal ingrediente ideolóxico do franquismo, máis ca a retórica fascistoide dos falanxistas. O galeguismo de persoeiros como Filgueira ou o mesmo Losada Diéguez non é máis ca un carlismo galeguizado. Cando chegan os momentos en que estes intelectuais e escritores teñen que optar de verdade, na época da República e mais da Guerra Civil, entre a súa visión medieval e ultracatólica do mundo e mais o progresismo ou mesmo o galeguismo non o dubidan. Elixen o franquismo, que defende a súa ideoloxía ultraconservadora e mesmo a súa posición económica. Non debemos esquecer que Filgueira era un propietario agrícola con caseiros, aos que trataba dun xeito feudal e na mellor liña do terratenente, segundo a testemuña persoal que me proporciona Rafael Chacón, do que esperamos publicar axiña no noso blog un artigo esclarecedor. Xa que logo, Filgueira Valverde é un franquista consecuente, pois a súa ideoloxía ultraconservadora é anterior á Guerra Civil.
Os estudosos da Historia da Literatura Galega e mesmo da Historia de Galicia en xeral tentan salvar para o galeguismo e o antifranquismo todos os escritores e intelectuais galegos. Sen dúbida isto é debido ao peso na memoria histórica dos represaliados do franquismo como Bóveda ou Castelao. Tamén porque desde os anos sesenta o galeguismo literario, cultural, político e lingüístico vai unido, como teño afirmado tantas veces, ao progresismo, xa non só político, senón vital, que vai desde o afondamento na democracia ata a defensa do aborto ou do feminismo. Todas as causas progresistas, hoxe por hoxe, en Galicia se expresan en galego. De aí a inquina do PP, PSOE e dos poderes fáticos contra o galego. Non é o ruralismo ou o autoodio o principal inimigo do galego, senón a súa vinculación con este progresismo. Mais tamén hai e houbo escritores galegos e ata galeguistas profundamente conservadores e reaccionarios. Chegado o momento da verdade os Cunqueiro, Torrente Ballester, Noriega Varela, Vicente Risco, Montes e nos sei cantos máis, entre os que inclúo evidentemente a Filgueira Valverde, apoian con uñas e dentes o franquismo porque este defendía a súa ideoloxía e tamén os seus intereses de clase.
Eu non son un especialista en Filgueira, mais a súa adhesión ao franquismo está claramente probada. Abonda con ler artigos como os que saen estes días na prensa, como o asinado por Fran Lorenzo ou os que lle dedican dixitais como sermosgaliza, praza ou este mesmo galiciaconfidencial. Filgueira colabora cando está de catedrático no instituto de Lugo como censor-expurgador das bibliotecas públicas e docentes da provincia, xunto con outra profesora e inspectora de Ensino Medio de longa traxectoria no franquismo, Pura Lorenzana, nada máis comezada a Guerra Civil. Se lemos o incomparable libro de Gonzalo Amoedo López A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra (Xerais), vemos nos anos da Guerra Civil a un Filgueira que desde os micrófonos de Radio Pontevedra parece querer converterse en imitador do célebre Queipo de Llano e de Radio Sevilla: … pasou a formar parte do novo grupo dirixente na provincia de Pontevedra, realizando uns incendiarios discursos e panexíricos dos sublevados en Radio Pontevedra, por entón propiedade da familia Vázquez Lescaille e berce de destacados membros da Garda Civica desa cidade. Como ben sinala a prensa dixital foi tamén membro dos comités de represión do profesorado na provincia de Pontevedra. No franquismo acadouno todo, desde procurador en Cortes ata alcalde de Pontevedra entre 1959-1968.
Como fixeron tantos outros, que tamén se poden ver estudados na citada obra de Amoedo, na Transición fíxose do PP, aínda que non sei se tería carné ou non, e rematou por ser conselleiro, entre 1982 e 1983, e presidente do Consello da Cultura Galega. É dicir é un dos pais e creadores do bilingüismo harmónico que nos leva cara á desaparición do galego.
Que a RAG homenaxee a Filgueira tampouco me resulta estraño. A RAG é unha institución que vive das subvencións. Na Transición e nos tempos do fraguismo a dereita conservadora que goberna Galicia tentou, nunha táctica habitual do poder, infiltrarse no galeguismo para acabar con el. A mellor forma de acabar coa reivindicación verdadeira do galego era converter un certo número de intelectuais no que P. García Negro chama acertadamente comedores do galego, é dicir, xente que recibe un carguiño ou sobrenómina en forma de conferencias e outras regalías de tal xeito que son o que a poeta Marta Costa denomina no seu último poemario revolucionarios / sen saltar os límites do oficialmente correcto. Non esquezamos que a RAG está subvencionada pola fundación Pedro Barrié de la Maza e que lle fai unha boa propaganda a esta institución web. Todos sabemos das relacións entre Barrié e Franco. Non imaxino a esta fundación subvencionando institucións como a Mesa, Prolingua…
A obra literaria de Filgueira realmente non vale para nada. En canto ao seu labor de erudito é unha erudición baleira e anecdótica, como ben sinala no seu blog Jaureguizar, que amosa a súa nostalxia por unha Galicia medieval ultracatólica de gremios, confrarías e outras trangalladas similares de alguén que estraña os tempos anteriores á Revolución francesa e á toma da Bastilla, que os progresistas celebramos con ledicia estes días.
Filgueira, como ben sinala Amoedo no seu libro, foi un señor paradigma de persoa preocupada por facer carreira política no franquismo e no neofranquismo da Transición. Usou a cultura para iso, acolléndose a iso que os fanquistas da primeira hora (os Laín, Ridruejo, Torrente, Montes…) denominaban a Falanxe do saber, que tería que substituír as elites intelectuais da República, como ben estudaron os especialistas en literatura fascista e nacionalcatólica do franquismo Mainer, Rodríguez Puértolas ou Jordi Gracia. E mais nada. A RAG, que non esquezamos que se chama real, é dicir, baixo a protección da monarquía borbónica (que non sabemos que fixo a prol do galego) é coherente nesta elección coa súa mendicidade da subvención oficial e mais da privada de institucións como a Barrié. E iso é todo.
Mais fronte á cultura oficialista representada pola RAG e o Consello, hai xa unha sociedade civil galega que reacciona contra aldraxes coma esta de elixir a Filgueira para o Día das Letras. Esta é a mellor garantía para o galego e Galicia. Por outra banda e para rematar, para os que din que Filguiera nunca militou no falanxismo, Amoedo inclúeo na súa listaxe de falanxistas da provincia de Pontevedra, onde por certo tamén figura o poeta Celso Emilio Ferreiro. Ademais, o ser alcalde no franquismo levaba implícito o cargo de xefe local do Movimiento nacional, que era a Falange reconvertida con este nome en partido único do ditador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.