Un novo falecido aumenta a 888 os mortos en residencias galegas por COVID

No conxunto de residencias da Comunidade galega, na semana do 13 ao 19 de xuño houbo 220 usuarios con Covid-19 confirmados por PDIA nun total de 40 centros. En toda España ascenden a 3.366 en 663 destas instalacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2022 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

Os falecementos de residentes de centros de maiores con Covid-19 confirmado por Proba Diagnóstica de Infección Activa (PDIA) desde o inicio da pandemia o 14 de marzo de 2020 ata o pasado 19 de xuño de 2022 aumentan a 888 no conxunto de Galicia, tras rexistrarse outra vítima.

Así se reflicte no último informe actualizado unha vez por semana polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) con datos ata o 19 de xuño, recollido por Europa Press, no que se concreta que en España morreron en centros de maiores nese período 22.878 residentes, dos cales 888 corresponden a Galicia, un deles entre o 13 e 19 de xuño.

Na semana do 13 ao 19 de xuño rexistrouse un morto en toda a Comunidade galega en residencias, nun centro de maiores. Ata a data nestes centros morreron 918 persoas con Covid confirmada por PDIA de 23.523 no conxunto de España.

Desde o 14 de marzo de 2020 ata o 19 de xuño --as comunidades autónomas remiten ao Imserso datos sobre a situación dos centros residenciais do seu territorio, tanto de maiores, como para persoas con discapacidade e outros aloxamentos permanentes de servizos sociais dirixidos aos colectivos anteriores--, en España faleceron con Covid en centros de maiores 22.878 usuarios, 55 deles na semana do 13 ao 19 de xuño.

No conxunto de residencias da Comunidade galega, na semana do 13 ao 19 de xuño houbo 220 usuarios con Covid-19 confirmados por PDIA nun total de 40 centros. En toda España ascenden a 3.366 en 663 destas instalacións.

Do conxunto de Galicia, 162 casos de Covid-19 corresponden a usuarios de 27 residencias de maiores nesa semana, que desde o 14 de marzo de 2020 ata o 19 de xuño suman 14.616 persoas con esta enfermidade na Comunidade galega, de 246.446 en toda España.

No último informe actualizado polo Imserso a letalidade global en centros residenciais desde o inicio da pandemia ata a semana 24/2022 sitúase no 8,67%.

E a letalidade, tras pauta de vacinación completa xeneralizada a todos os residentes (estimada a partir da semana 10 de 2021), sitúase no 2,49%.

Dous na porta da residencia das Gándaras, a maior da provincia de Lugo,a 17 de agosto de 2021 / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Dous na porta da residencia das Gándaras, a maior da provincia de Lugo,a 17 de agosto de 2021 / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

COMESAÑA "LAMENTA" A SITUACIÓN DA PANDEMIA

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lamentou este martes a situación da pandemia en Galicia que, a día de hoxe, segue coa mesma tendencia de aumento de casos, aínda que "afortunadamente patoloxías máis leves". "Non damos baixado", abundou.

"Seguimos tendo un incremento dos casos hospitalizados", comentou a preguntas dos medios en Pontevedra o titular de Sanidade, que engadiu que estes días "se nota máis que nas últimas semanas", cunha incidencia que "segue crecendo".

Unha vez máis o conselleiro de Sanidade insistiu na importancia da vacinación contra a Covid-19. "Hai que seguir tomando as medidas de precaución que todos coñecemos perfectamente", apostilou.

O titular de Sanidade ratificou que en Galicia hai ata a data 613 pacientes con coronavirus hospitalizados e 22 nas ucis, uns datos que son "moi constantes" practicamente desde xaneiro, con algunha baixada nas últimas semanas "e agora este repunte", admitiu.

Comesaña apuntou que "o que está a demostrar este virus é que non ten ese comportamento estacional", como se chegou a pensar ao principio da pandemia. "Ten máis que ver coa mobilidade e as relacións humanas que coas características climatolóxicas", sinalou. O conselleiro de Sanidade fixo estas declaracións durante a inauguración da exposición sobre os 125 anos de historia do Hospital Provincial.

A preguntas dos xornalistas, o titular do departamento autonómico de Sanidade tamén se referiu a a coincidencia desta sétima onda de Covid cos habituais peches de camas hospitalarias previstos nas áreas sanitarias durante o verán e a sobrecarga en Atención Primaria. "Temos toda a infraestrutura sanitaria a disposición da Covid e do que se necesite este verán", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta