Seguen os recortes na sanidade pública: Poio e Marín quedan sen atención por falta de médicos

O ambulatorio de Raxó queda sen médico 15 días por falta de persoal e o Marín pechará polas tardes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2022 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, expresou o seu rexeitamento á decisión adoptada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) de deixar sen médico o ambulatorio de Raxó durante 15 días, a partir do próximo luns 4 de xullo, por falta de persoal.

O rexedor explicou que tivo constancia desta decisión tras recibir unha chamada por parte do xerente da área sanitaria de Pontevedra O Salnés, José Ramón Gómez, e considera que se trata dunha medida que "supón un agravio moi grande" para a "veciñanza e para as persoas" que lles "visitan durante o verán".

Sobral lembra que Poio é un municipio turístico "dos máis importantes das Rías Baixas" e que "a presión asistencial en Poio xa vive unha situación complicada, con listas de espera interminables nos Centros de Saúde de Anafáns e de Combarro".

Pola súa banda, Silvia Díaz, portavoz municipal de Avante Poio, solicitou a celebración da Mesa de Defensa dos Dereitos Sanitarios na que están representados os grupos políticos da corporación municipal, será para o vindeiro martes 5 de xullo e servirá para decidir as accións a emprender para evitar esta medida.

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE de Poio, Gregorio Agís, sostén que "este é un paso máis no desmantelamento que a Xunta do PP está a provocar na asistencia sanitaria do municipio". Ademais critican o "silencio cómplice" do PP local.

PERSOAL

Ante esta oposición á medida, o Sergas emitiu un comunicado este venres no que explica a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que mantén no consultorio de Raxó a cobertura de enfermaría de Atención Primaria e a dispoñibilidade do Persoal de Servizos Xerais (PSX), coa intención de garantir a actividade e a continuidade asistencial durante o período de vacacións do facultativo que atende aos pacientes neste centro.

Por parte da dirección da área sanitaria lémbrase aos residentes na zona que se mantén a prestación de Atención Primaria no centro de saúde de Anafáns e no consultorio de Combarro.

CENTRO DE SAÚDE DE MARÍN

Tamén o BNG denunciou nun comunicado de prensa o peche de consultas médicas en horario de tarde no centro de saúde de Marín  debido tamén "á falta de persoal facultativo".

Ademais, engade o BNG que nos últimos días o Punto de Atención Continuada (PAC) tivo que ser atendido por persoal médico de Bueu, "deixando a este concello sen servizo de urxencias e obrigando aos veciños de Bueu a ter que asistir a Marín en caso dunha urxencia médica".

Atención médica nun centro de saúde
Atención médica nun centro de saúde | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta