A Mesa denuncia que a Xunta "prexudica o galego a favor do castelán" a través dos fondos europeos

A convocatoria para a compra de libros por parte das bibliotecas de entidades locais recolle que "como mínimo" o 50% do importe dos fondos Next Generation "debe destinarse a fondo bibliográfico editado en castelán" e non establece ningún mínimo para os libros editados en galego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2022 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A Mesa denuncia que as axudas que as subvencións para a adquisición de novidades editoriais e para a mellora das coleccións das bibliotecas das entidades locais convocadas este 2022 pola Xunta de Galicia "prexudican gravemente a lingua galega, en favor da española".

Unha bibliotecaria colle un libro dun andel dunha Biblioteca municipal
Unha bibliotecaria colle un libro dun andel dunha Biblioteca municipal | Fonte: Iñaki Berasaluce - Europa Press - Arquivo.

A entidade de defensa da lingua indica que ata o 2021 polo menos un 25% dos libros comprados con cargo a estas axudas debían ser en galego, mentres que ese ano se establece que "como mínimo, un 50% do importe da subvención concedida debe destinarse á adquisición de fondo bibliográfico editado en castelán". "O 50% restante pode destinarse á adquisición de fondo bibliográfico tanto en galego como en castelán", se ben "desta parte pode adicarse ata un 10 % a adquirir fondos editados en linguas estranxeiras ou noutras linguas oficiais do Estado". Polo tanto, explica a Mesa, non existe un mínimo obrigatorio en galego e obrígase ás entidades locais a adquirir como mínimo un 50% en castelán, podendo mesmo solicitar a totalidade dos fondos neste idioma.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que a propia convocatoria da axuda recolle expresamente que lle corresponde ao Goberno da Xunta a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, así como a promoción do libro galego, "con medidas que potencien a produción editorial e a súa disposición". Porén, asegura a Mesa, a Xunta de Galicia establece un Programa A "de novidades editoriais en galego" dotado con 200.000 euros e un Programa B "para a mellora das coleccións bibliográficas", dotado con 550.000, no que "prexudica gravemente a nosa lingua a favor do castelán". 

A Xunta de Galicia xustifica este "ataque ao galego", tal e como cualifica A Mesa, no feito de que esta axuda conta con fondos NextGenerationEU, indicando que as porcentaxes mínimas ou máximas que corresponden ás distintas linguas se estableceron nunha Conferencia Sectorial de Cultura celebrada o 23 de xullo de 2021. "Isto resulta aínda máis preocupante", asegura Marcos Maceira, "porque parece que non vai ser o único campo que no a nosa lingua se vexa gravemente prexudicada perante a española no reparto dos fondos europeos, xa que a Xunta de Galicia se recoñece incapaz de defender os intereses da súa cidadanía dentro e fóra do noso territorio".

En anos anteriores, en efecto, o Programa A ofrecía 100.000 euros para compra de libros en galego e o Programa B ata 200.000 para mellora das coleccións bibliográficas (dos que polo menos o 25% tiñan que ser tamén en galego). Este ano, as cifras aumentan ata os 200.000 no caso do Programa A e 550.000 no caso do Programa B, pero "polo visto", remata Maceira, "a peaxe que ten que pagar a sociedade galega pola chegada dos fondos europeos é a cesión ao castelán dos escasos espazos de protección que tiña".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta