Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/08/2014 | Actualizada ás 10:50
"Todas as contas que nos facilitan dan beneficio, beneficios moi importantes, que non xustifican este tipo de medidas". Esta é a denuncia que fai o Comité de Empresa de Aquagest, agora chamada Viaqua, ante a negativa da empresa a avanzar nun novo convenio.
Esta empresa é unha das máis importantes dos servizos públicos do país. Ten máis de 500 empregados e leva o servizo da auga en, cando menos, en Santiago, Pontevedra, Ourense, Ribeira, A Pobra, Rianxo, Teo, Carballiño, Arzúa, As Pontes, Ares, Baños de Molgas, Barbadás, Bergondo, Cabanas, Cambados, Carballiño, Carballo, Cedeira, Celanova, Chantada, Dodro, Fene, Ortigueira, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Ribadeo, Rois, Oroso, Sada, Val do Dubra, Vedra, Viana do Bolo e Viveiro.
Polo menos en Santiago, Ourense, O Carballiño e Pontevedra a Xustiza investigou supostos intentos de corrompir aos concelleiros e alcaldes para que renovaran as concesións. Nas tres primeiras localidades os edís foron imputados ao fío destas investigacións, así como os directivos do grupo empresarial. Limpar a súa reputación é o motivo de que Aquagest mudase a súa marca a Viaqua.
No comité de empresa colaboran CIG, UXT e CC.OO. Os tres grandes sindicatos argumentan que o carácter de "servizo público" do seu traballo os empurra a dar a coñecer os seus problemas laborais.
Os operarios denuncian que teñen os salarios conxelados e que a empresa deixou vencer o convenio en 2013. Como non hai avances nas negociacións, a final de 2014 o convenio podería caducar. Aproveitándose da reforma laboral aprobada polo PP, Aquagest/Viaqua podería impor novas condicións laborais máis cativas aos traballadores. Iso malia que as contratas, obtidas presuntamente algunhas delas mediante métodos corruptos, permiten que a compañía presente "beneficios moi importanates".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.