Segundo mandato de Rosario Álvarez no CCG: "Independencia, obxectividade e máis fondos"

Rueda expresa a vontade da Xunta de "captar" fondos europeos para a cultura, como "eixo prioritario na transformación" de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2022 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

Rosario Álvarez tomou posesión este luns, por segundo mandato consecutivo, da Presidencia do Consello da Cultura Galega, cun discurso no que, máis aló dos agradecementos, defendeu que seguirá comprometida neste período coa "independencia e obxectividade" da institución á marxe de discrepancias ou a "espóradica falta de coincidencia co punto de vista e intereses da instancia do goberno correspondente".

No seu discurso, previo á reunión da comisión executiva, Rosario Álvarez debullou os obxectivos que se marca para este período, que "esixe a ampliación dos recursos económicos e non só a optimización do gasto nos límites actuais, aínda moi por baixo do que tiña hai 15 anos, antes da crise de 2008".

"Quero pensar que esa consciencia será compartida por quen ten responsabilidades orzamentarias na Comunidade Autónoma, no mesmo sentido de xusta reparación en que xa veñen expresando, ano tras ano, os representantes de todos os grupos parlamentarios, sexa na Comisión de Cultura sexa na de Orzamentos", manifestou Rosario Álvarez.

"Tomo nota da necesaria senda de seguir incrementando (os orzamentos)", recolleu a luva o presidente da Xunta e de honra do Consello, Alfonso Rueda, quen pechou o acto de toma de posesión cunha intervención na que expresou a vontade da Xunta de "captar" fondos europeos para a cultura, como "eixo prioritario na transformación" de Galicia.

Neste sentido, afirmou que hai 19 propostas que suman 40 millóns de euros. "Galicia está preparada e solicita un Perte cultural, é unha ocasión que non debemos deixar pasar", proclamou o mandatario autonómico.

A presidenta electa do CCG, Rosario Álvarez, durante a súa comparecencia parlamentaria.. CONSELLO DA CULTURA GALEGA
A presidenta electa do CCG, Rosario Álvarez, durante a súa comparecencia parlamentaria.. CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta