Condenado a dous anos de prisión por tocar o peito a unha nena na parada do bus

O veciño da Coruña chegou a dicirlle que, se quería, a "facía muller", segundo explica a sentenza.

Por E.P. | A CORUÑA | 11/07/2022 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a dous anos de prisión un veciño da cidade herculina como autor dun delito contra a liberdade sexual das menores, por rozarlle o peito de forma deliberada a unha nena nunha parada de bus.

Segundo a sentenza, os feitos ocorreron pouco antes das 21,00 horas do día 21 de marzo de 2018, cando a vítima e outra nena se atopaban nunha parada de autobús e o acusado se aproximou a elas.

O tribunal considera probado que estableceu conversación coas menores e que lles dixo que, se querían, "as facía mulleres". A continuación, "con ánimo lúbrico", colocou o seu brazo enganchando a unha das nenas e rozoulle un peito. As menores saíron correndo. A nena á que tocara o peito, que o coñecía por ser veciño do seu avó, chamou á súa nai para que as fose a buscar e contoulle o sucedido.

CREDIBILIDADE DAS MENORES

O tribunal deu credibilidade ao relato das nenas e apuntou que "non ten ningún sentido" que inventaran unha acusación dese tipo.

En canto ás explicacións do acusado, que negou os feitos e argumentou que se limitou a chamar a atención das menores por estar nun pasadizo "perigoso" en compañía de mozos maiores, os xuíces ven "absurdo" que as nenas inventasen o seu relato aínda que o acusado lles recriminou que estivesen nese lugar.

"Á credibilidade intrínseca das declaracións das menores, súmase como elemento corroborador a información que nos facilitou a nai dunha delas, a quen a súa filla a chamou pedíndolle que fóra, que estaba moi nerviosa", expuxeron os maxistrados na sentenza.

Así mesmo, a sala considera probado que "non produce ningún equívoco" o contido sexual do acto do condenado, pois subliña que "non estamos ante un rozamento por contacto" e, ademais, "vai acompañado da frase que lles dirixe ás menores, de que as facía mulleres, tamén de inequívoca carga sexual, a cal, proferida na rúa, a unhas menores, resulta intimidante".

Por iso, condenou ao home a 2 anos de cárcere e prohibiulle comunicarse ou achegarse a menos de 50 metros da menor por un tempo de 3 anos. A Audiencia tamén lle impón a medida de liberdade vixiada por 5 anos e o pago dunha indemnización á menor de 1.000 euros.

Pancarta nunha manifestación feminista, 8M
Pancarta nunha manifestación feminista, 8M | Fonte: nuevecuatrouno.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta