A Igrexa de Orto, en Abegondo, sofre danos por un raio no campanario que será declarado en estado de ruína

O Concello precintou de forma inmediata o acceso a todo o recinto da igrexa, e ditaminou a paralización de calquera acto que supoña a presenza de persoas ata que non se tomen as medidas de consolidación ou retirada dos elementos afectados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2022 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

A treboada rexistrada na noite deste xoves produciu importantes estragos na igrexa de San Martiño de Orto, en Abegondo. Un raio caeu sobre o campanario do templo, onde estaba colocado un pararraios, entre as 23,00 e as 23,30 horas, xerando un gran estrondo, como relataron os veciños da contorna.

O Concello de Abegondo recibiu o aviso á primeira hora deste venres. Ata a zona desprazouse o alcalde, José Antonio Santiso, xunto co cura, Rafael Casás, e técnicos municipais para realizar unha avaliación do sucedido. O raiou danou gravemente á estrutura da parte superior da igrexa, producíndose desprendementos de cascotes no atrio, incluso chegando algún a caer no terreo lindeiro.

Observouse un desprazamento xeneralizado das pezas que compoñen o corpo do campanario, quedando algunhas viradas respecto da súa posición orixinal. No interior queimouse a instalación eléctrica da igrexa, con danos no tellado e nas paredes. Os servizos técnicos municipais, analizada a situación, declararon en estado de ruína inminente a parte superior do inmoble.

Os elementos do campanario son claramente inestables, non podendo descartarse un posible derribamiento sobre a cuberta e que se comprometa estruturalmente o edificio. Conclúen que as condicións da edificación non satisfán os requisitos necesarios para garantir a seguridade das persoas.

Por iso, o Concello precintou de forma inmediata o acceso a todo o recinto da igrexa e ditaminou a paralización de calquera acto que supoña a presenza de persoas ata que non se tomen as medidas de consolidación ou retirada dos elementos afectados.

ACTUACIÓNS

O goberno local apunta que agora a propiedade do inmoble é a que deberá actuar ante o ocorrido e, aínda que o elemento non é BIC, si que está catalogado, polo que calquera intervención poderá necesitar a autorización previa correspondente da Xunta de Galicia.

O alcalde de Abegondo explicou este venres que non lembraba un feito similar. Contou que el mesmo escoitou un estrondo desde un punto afastado da igrexa, o que fai ver a magnitude do sucedido; e manifestou o seu alivio porque o raio non xerase no interior un incendio ao afectar á instalación eléctrica.

Agora compete á Igrexa determinar a actuación, para o que Santiso mostrou a disposición de colaboración do Concello. Este suceso coincide coa celebración, desde o vindeiro domingo, das festas patronais de Orto. A tradicional misa, prevista na igrexa, trasladarase á capela de Santa Margarita.

Igrexa de Orto en Abegondo
Igrexa de Orto en Abegondo | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta