Policías de Portugal, Francia e Italia reforzarán a seguridade nas festas de Santiago

Reténs de bombeiros vixiarán os lumes do Apóstolo. O Concello pide á cidadanía "paciencia e tranquilidade polas posibles perturbacións, especialmente na circulación".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/07/2022 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

O dispositivo para as festas de Santiago reforzarase tanto no que respecta á Policía Nacional como no ámbito local, e tamén se incrementará o control dos lumes do Apóstolo a modo de prevención, coa presenza de reténs de bombeiros nos puntos de lanzamento.

Lumes do Apostol lanzados pola celebración do Día de Galicia a 24 de xullo de 2021, en Santiago de Compostel / César Arxina - Europa Press / Europa Press
Lumes do Apostol lanzados pola celebración do Día de Galicia a 24 de xullo de 2021, en Santiago de Compostel / César Arxina - Europa Press / Europa Press

O Pazo de Raxoi acolleu este martes a reunión da Xunta Local de Seguridade á que asistiron, entre outras autoridades, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Gonzalo Muíños; e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, co obxectivo de acordar as medidas de reforzo para garantir a seguridade durante as festas do Apóstolo.

O alcalde lembrou que os días 24 e 25 de xullo producirase "unha concentración moi elevada de actividades culturais, actos festivos, manifestacións políticas, ademais da alta afluencia de peregrinos e visitantes", polo que pediu expresamente á cidadanía compostelá "paciencia e tranquilidade polas posibles perturbacións, especialmente na circulación".

Para que todo se desenvolva con "absoluta normalidade", o rexedor avanzou que ao dispositivo habitual da Policía local, "sumaranse 44 efectivos que reforzarán a seguridade nas zonas do lanzamento dos lumes.

En concreto, durante os lumes haberá un retén de bombeiros en cada un do cinco puntos de lanzamento, reforzado por dous máis no Pedroso e na Cidade da Cultura, ademais de contar coa colaboración de Protección Civil de Santiago e dos concellos limítrofes.

O edil de Seguridade salientou que, para evitar calquera tipo de incidente e garantir a máxima seguridade, "realizouse un traballo previo preventivo de incendios, que se suma ao despregamento do dispostivo in situ dos días 14 e 31".

REFORZO DA COMISARÍA DA POLICÍA NACIONAL

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, María Rivas, remarcou que "a Comisaría da Policía Nacional de Santiago verase reforzada durante estas xornadas para evitar, na medida do posible, calquera tipo de incidencia".

Tamén indicou que xa están a patrullar pola capital galega os efectivos chegados desde Portugal, Francia e Italia dentro do programa Comisarías Europeas que se presentou o pasado venres na Praza do Obradoiro.

Estes axentes europeos traballarán conxuntamente coa Policía Nacional ata despois de 25 de xullo, día no que os reis de España, a princesa de Asturias e a infanta visitarán Santiago con motivo da celebración do Día de Galicia.

A subdelegada do Goberno trasladou a "máxima dispoñibilidade e colaboración" co fin de garantir a seguridade na capital galega este verán durante os seus principais eventos de carácter festivo e, particularmente, durante as Festas do Apóstolo, que este ano Xacobeo (tras a declaración bianual) regresan á normalidade tras dous anos de pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta