Por Europa Press / Redacción | Ourense | 01/08/2022 | Actualizada ás 20:56
Case tres semanas despois da primeira onda de calor que deixou temperaturas marca en Ourense, este luns a provincia volveu rexistrar valores por enriba dos 40 graos en varios puntos, aínda que sen superar os máximos do pasado mes de xullo.
Así, de acordo cos valores extremos recollidos por MeteoGalicia, o concello ourensán de Leiro notificou 42,7 graos ás 17,20 horas da tarde, o que supuxo marca da xornada en Galicia. De preto seguiulle a estación meteorolóxica de Remuíño, en Arnoia, con 42,3 graos ás 18,30.
Entre as temperaturas máis altas tamén se coaron os medidores de Prado, en Castrelo de Miño, con 41,1 graos ás 17,40 horas; A Portela, en Vilamartín de Valdeorras, con 40,6 graos ás 16,10; e o da estación da cidade de Ourense, con 40,6 ás 17,30 da tarde.
Con todo, esta situación non remitirá para a xornada do martes, para a que MeteoGalicia activará, entre as 15,00 e as 21,00 da tarde, unha alerta laranxa por calor nas zonas do Miño de Pontevedra e Ourense, así como na comarca de Valdeorras.
Para o resto de Galicia, a excepción do litoral das provincias da Coruña e Lugo, e algúns puntos do interior desta última provincia, o aviso será de nivel amarelo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.