Activado o nivel 2 de alerta por calor en Valdeorras e segue o 1 no resto de Ourense e interior de Pontevedra

O Comité de Plan de Calor prevé unha baixada de temperaturas a partir de mércores, aínda que serán aínda altas no sueste galego.

Por Europa Press / Redacción | | 02/08/2022 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

O Comité do Plan de Calor, no que participan ata catro consellerías da Xunta, mantén activado o nivel 2 de alerta por un episodio de altas temperaturas na comarca ourensá de Valdeorras. En concreto, esta situación --que se prevé finalice este venres-- estará vixente nos municipios do Barco, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín.

Mentres tanto, a alerta será de nivel 1, en principio durante a xornada deste martes --remitirá desde o mércores-- no resto de concellos de Ourense e no interior de Pontevedra, concretamente en Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

En gran parte destas zonas, Meteogalicia mantén este martes activado un aviso laranxa por temperaturas que poderían superar os 39 graos. Do mesmo xeito, este organismo mantén en amarelo o resto de Galicia, a excepción do litoral das provincias da Coruña e Lugo, e algúns puntos do interior desta última.

Segundo informa a Xunta, a pesar de que continúa a presenza dunha masa de aire moi cálida sobre a Península, a entrada de néboas costeiras no litoral atlántico-sur ao longo deste martes suavizará os valores máximos, aínda que continuarán elevados en boa parte do interior.

A partir deste mércores, estímase que o aire quente se desprace cara ao leste, provocando un descenso xeneralizado das temperaturas. Así, os valores quedarán propios do verán, en xeral, aínda que serán aínda altos no sueste (en Valdeorras e a súa contorna).

RECOMENDACIÓNS DE SANIDADE

Ante esta situación, Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, consumir zumes fríos, verduras e froitas, e evitar inxerir comidas copiosas, bebidas quentes, alcol, café, té e produtos moi azucarados.

Con respecto á vestimenta, a Xunta aconsella usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, con cores claras. Así mesmo, suxire levar chapeus, lentes de sol e cremas solares. O calzado debe ser cómodo, fresco e que transpire.

Dúas persoas camiñan por unha vía en plena onda de calor, a 12 de xullo de 2022, en Ourense, Galicia (España).. Rosa Veiga - Europa Press
Dúas persoas camiñan por unha vía en plena onda de calor, a 12 de xullo de 2022, en Ourense, Galicia (España).. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta