Ata 11 voos sofren atrasos no aeroporto de Santiago pola folga en Ryanair

Sete voos con destino Lavacolla e outros catro que saían do aeroporto compostelán foron atrasados.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/08/2022 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

Un total de 11 voos con chegada ou saída do aeroporto de Santiago de Compostela sufriron atrasos este luns polo comezo da folga de tripulantes de cabina de pasaxeiros (TCP) da compañía Ryanair, segundo informou o sindicato USO.

Avión de Ryanair
Avión de Ryanair | Fonte: Ryanair - Europa Press.

En concreto, sete voos con destino Lavacolla e outros catro que saían do aeroporto compostelán foron atrasados a consecuencia da folga. Con todo, ningún avión con procedencia ou destino Galicia foi cancelado.

A nivel estatal, ata as 19,00 horas rexistráronse 10 cancelacións, afectando na súa gran maioría ao aeroporto do Prat de Barcelona, así como 233 atrasos.

Este mesmo luns, a representante sindical de USO-Ryanair en Santiago de Compostela, Laura Caballero, denunciou "ilegalidades" cometidas por parte da compañía aérea ao desprazar empregados desde Madrid a Santiago para operar os voos que poderían ser cancelados pola folga, que comezou hoxe e que se estenderá todas as semanas de luns a xoves ata o mes de xaneiro de 2023.

Pola súa banda, Ryanair sinalou que a nova convocatoria de folga para o TCP, que deu comezo este luns, terá unha "mínima, se é que a hai, interrupción" na operativa da compañía.

A compañía lembrou que chegou recentemente a un acordo co "principal sindicato español", CC.OO., sobre os salarios, 'rosters' (catro días en activo seguidos de tres xornadas libres) e os complementos para os seus tripulantes de cabina españois.

Ademais, sinalou que as recentes folgas de USO e Sitcpla "tiveron un escaso apoio e un efecto mínimo" nos voos. Ryanair afirmou que opera máis de 3.000 voos diarios e que menos do 1% se viu afectad polas folgas. Por tanto, mostrou a súa previsión de que a interrupción "sexa mínima, se é que hai algunha, na operativa programada para os próximos meses".

A nova folga consta de xornadas de paros de 24 horas, de luns a xoves, semanalmente. Os sindicatos sinalaron que Ryanair "non mostrou o máis mínimo intento de achegamento" con eles, senón que manifestou publicamente a súa negativa a establecer calquera diálogo cos representantes elixidos polos seus tripulantes. Ademais, advertiron dunha serie de despedimentos a traballadores tras as dúas convocatorias de folga anteriores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta