Baixan os contaxios, os casos activos e os ingresos por covid-19

Sanidade notifica dous novos falecementos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/08/2022 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Os novos contaxios de Covid-19 volven descender este sábado e sitúanse nos 136, 12 menos que hai 24 horas. Baixan tamén os hospitalizados, 196 (11 menos), así como as infeccións activas --como en días anteriores--, ata as 2.115 (169 menos). Así o reflicte o último parte da Consellería, con datos actualizados ata as 18,00 horas do venres 12 de agosto, que respecto dos ingresados indica que aumentan en UCI, ata os 15 (un máis), mentres que o descenso rexístrase en unidades convencionais, onde hai 181 (-12).

Un home recibe a terceira dose da vacina contra o Covid-19
Un home recibe a terceira dose da vacina contra o Covid-19 | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Por áreas sanitarias, na Coruña e Cee baixan a 50 os hospitalizados en planta (-6) e mantéñense en tres os críticos (sen cambios); en Pontevedra hai 24 ingresados en planta (-1) e un en UCI (sen cambios); e en Santiago son 27 os hospitalizados en unidades convencionais (-3) e dúas en críticos (sen cambios).

Descenden tamén os ingresados en Lugo, con 25 pacientes en planta (-1) e sen hospitalizados en críticos (sen cambios); en Ourense, onde son 28 os ingresados en unidades convencionais (-1) e tres en coidados intensivos (sen cambios); e en Ferrol, con 11 hospitalizados en planta (-1) e dous en UCI (sen cambios).

A de Vigo é a única área sanitaria na que se incrementan os pacientes con Covid. Son 16 en planta (+1) e catro en coidados intensivos (+1).

Os casos activos, pola súa banda, volven descender tras rexistrar nas últimas xornadas un leve incremento. Sitúanse agora nos 2.115, 169 menos que os notificados o venres.

Por áreas, a baixada é xeneralizada. Na Coruña, son 495 (-44); en Lugo, 283 (-16); en Ferrol, 174 (-19); en Ourense, 354 (-28); e en Vigo, 280 (-5). Baixan tamén nas áreas de Santiago, que notifica 307 (-34) e en Pontevedra, con 211 (-24).

Sobre os novos contaxios, volven descender durante esta xornada tras romper o venres a tendencia á alza marcada en días pasados. Sanidade notifica 136 novos nas últimas 24 horas, 12 menos que os rexistrados o venres. Deles, 36 notificáronse na área da Coruña, 19 en Vigo, 22 en Santiago, 16 en Pontevedra, 18 en Ourense, 15 en Lugo e oito en Ferrol.

O total de contaxiados rexistrados oficialmente en Galicia desde que comezou a pandemia ascende a 672.397, dos que 139.121 rexistráronse na Coruña, 148.994 en Vigo, 107.475 en Santiago, 76.255 en Pontevedra, 82.764 en Ourense, 75.032 en Lugo e 41.768 en Ferrol.

Doutra banda, o cómputo de falecidos desde o inicio da pandemia ascende a 3.862. Este sábado, Sanidade notificou dous falecementos do día 11, ambos con patoloxías previas: un home de 70 anos na área sanitaria de Vigo e outro de 87 anos na da Coruña.

As persoas que superaron a Covid desde que se iniciou a pandemia son 666.527, 303 máis respecto dos datos notificados este venres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta