Por que deixou de ser potable a auga de Malpica? A orixe podería estar na seca

O concello reparte auga embotellada despois de comprobar que a auga da traída ten elementos tóxicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/08/2022 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

O Concello de Malpica de Bergantiños reparte auga embotellada por varias parroquias na mañá deste luns ao non contar os fogares con subministración potable tras comprobarse que a traída municipal non é apta para o consumo. En concreto, Seaia, Barizo, Mens, Cerqueda, Beo, Santirso e Leiloio son algúns dos lugares nos que leva a cabo esta repartición de auga durante esta xornada.

Nos últimos días, a Consellería de Sanidade realizou unhas analíticas nas que se detectaron uns parámetros de trihalometanos (compostos tóxicos que se xeran durante a potabilización) que superaban os máximos establecidos. Así, non se pode inxerir nin cociñar coa auga da traída, aínda que pode usarse para hixiene persoal.

Agora, está previsto que Sanidade volva facer o martes outra analítica para ver se mellorou a calidade da auga cos traballos que levan a cabo. O alcalde do municipio, Eduardo Parga, en declaracións a Europa Press, explicaba que, polo momento, a localidade non rexistra problemas de falta de auga, pero "ao padecer unha seca tan grande, os ríos teñen pouco caudal e arrastran moita materia orgánica", o que fai que estes restos do fondo terminen por chegar ata os fogares dos malpicáns. Mentres, calquera cidadán que o desexe pode achegarse tamén á casa consistorial a recoller auga embotellada.

Repartición de auga en Malpica. CONCELLO DE MALPICA
Repartición de auga en Malpica. CONCELLO DE MALPICA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta