A Deputación de Pontevedra destina 135.000 euros a 'Tecnolóxicas'

O proxecto pretende xerar unha cultura do talento feminino e acabar coa brecha de xénero no sector tecnolóxico-industrial.

Por E.P. | VIGO | 17/08/2022 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra destinará máis de 135.000 euros para pór en marcha o proxecto 'Tecnolóxicas' que, en colaboración coa Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), pretende xerar unha cultura do talento feminino e acabar coa brecha de xénero no sector tecnolóxico-industrial.

Tal como informou a administración provincial nun comunicado, coa aprobación dun convenio con Asime, a Deputación pon en marcha esta iniciativa pioneira que busca situar a provincia e a Galicia en xeral á vangarda da loita contra a brecha de xénero en dito sector.

"Xerar unha cultura do talento feminino tecnolóxico para enriquecer o tecido industrial, así como dar visibilidade e información para atraer as mozas ás carreiras STEAM e darlles resposta real ás necesidades actuais das empresas da provincia son os principais obxectivos desta iniciativa", reivindicou a Deputación.

Así, esta primeira edición de 'Tecnolóxicas' desenvolverase ata 2023 e contará cun orzamento que supera os 200.000 euros, dos cales a institución provincial achegará máis de 135.000 euros.

"Non podemos esquecer que hai moita xeración de emprego, e de calidade, no ámbito da tecnoloxía e estamos a ter un serio problema", alertou a presidenta, Carmela Silva, que puxo o foco en que os datos de matriculación de mulleres en carreiras STEAM como Enxeñaría, Ciencias ou Matemáticas en lugar de crecer, están a caer.

Por iso, o proxecto, que optará a fondos europeos, buscará ofrecer ás mulleres tecnolóxicas formación e contratos en empresas do sector para visibilizar o seu rol e fomentar futuras vocacións. Comezará este 2022 como proxecto piloto coa participación de 10 mulleres e 10 empresas.

Ademais, 'Tecnolóxicas' terá un apartado de sensibilización, coa realización de diferentes actividades en colexios de educación infantil e primaria e en institutos para favorecer a inclinación á tecnoloxía das novas. "Será unha campaña moi de proximidade, de pór en valor a mulleres tecnólogas para que sexan referentes de nenas e mocidade", reivindicou Carmela Silva.

A Deputación de Pontevedra destina 135.000 euros a 'Tecnolóxicas', para acabar coa brecha de xénero no sector.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A Deputación de Pontevedra destina 135.000 euros a 'Tecnolóxicas', para acabar coa brecha de xénero no sector.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta