A prealerta por escaseza de auga esténdese a Santiago e Costa da Morte

A Xunta actívaa nas concas dos ríos Tambre e Grande e chama á redución do consumo debido ao "drástico" descenso dos caudais na primeira quincena de agosto.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/08/2022 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

A Xunta decidiu ampliar a prealerta por escaseza de auga ás concas dos ríos Tambre e Grande, con afectación a zonas como Santiago de Compostela e a Costa da Morte, debido ao "drástico" descenso dos caudais na primeira quincena de agosto.

Caudal do río Tambre ao seu paso por Ponte Maceira, en Negrerira
Caudal do río Tambre ao seu paso por Ponte Maceira, en Negrerira | Fonte: Concello de Ames.

Así se acordou nunha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, na que tamén se ratificou a continuidade da prealerta por escaseza nas concas dos ríos Anllóns, que atravesa a comarca de Bergantiños, e Lérez, en Pontevedra.

A prealerta acordada este venres inclúe os sistemas da conca do Tambre e dos ríos que desembocan na ría de Muros-Noia, así como á conca do río Grande e dos ríos que alcanzan a ría de Camariñas e a costa de Cabana, Laxe e Muxía.

Igualmente, abordouse a necesidade de dar un tratamento equivalente á prealerta aos subsistemas dos ríos Bahíña e Zamáns, a pesar de que os sistemas no seu conxunto aínda non alcancen ese escenario, sostén a Xunta. Por iso, ínstase os xestores de abastecemento destas zonas a tomar medidas de aforro e contención do consumo.

De tal forma, constátase un empeoramento xeneralizado da situación no conxunto da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, agás o norte da provincia de Lugo, debido a carestía de precipitacións e ás altas temperaturas durante a primeira quincena do mes, no marco dunha seca "prolongada".

POR BAIXO DOS VALORES HABITUAIS

Os caudais circulantes dos ríos da demarcación seguen por baixo dos valores habituais para esta época do ano, un 34% menos que a media dos últimos dez anos. Mentres, a ocupación dos encoros de abastecemento sitúase no 72,4%, o que representa un 15,7% menos que en 2021.

Todas as zonas de prealerta comparten a característica de non dispor de grandes encoros de abastecemento e, por tanto, os sistemas de abastecemento nútrense desde os propios ríos ou desde pozos ou mananciais.

De tal forma, o Goberno galego reitera o chamamento á redución do consumo por parte dos cidadáns, das empresas e das administracións, coa adopción de medidas como a restrición de regas, a limitación do enchido das piscinas ou a reutilización, no posible, da auga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta