Por gcdeportes | Lugo | 14/09/2014 | Actualizada ás 23:52
Ficha técnica
CD Lugo: José Juan; De Coz, Lolo Pavón, Borja Gómez, Manu; Seoane, Pita (Álvaro Peña, 72’); Iriome (Iago Díaz, 82’), David López, David Ferreiro (Lolo Plá, 62’); e Luis Fernández.
Leganés: Queco Piña; Rubén Peña (Sergio Prendes, 82’), Postigo, Santamaría, César; Velasco (Candela, 67’), Alberto Martín, Eraso, Aguirre (Diamanka, 54’); Álvaro García e Fran Moreno.
Sen goles
Árbitro: Sagués Oscoz (vasco). Expulsou por dobre cartón a Alberto Martín (min.59). Amarelas a Pita (36'), David Ferreiro (45') e Iriome (59') no Lugo e a Aguirre (36'), César (49') e Fran Moreno (74') no Leganés.
Incidencias: partido da 4ª xornada da 2ª División disputado no Anxo Carro. 2.945 espectadores.
Faltan David Aganzo e Jonathan Valle, chamados a ser importantes no ataque lucense, pero o certo é que o Lugo só leva un gol en catro partidos. Fronte ao Leganés, tivo a pelota, dominou o partido pero como noutras ocasións faltoulle profundidade. Ocasións claras e remate. O rival quedou con dez no minuto 60, pero aínda así aguantou o 0-0 inicial.
Si marcou Luis Fernández coa testa no inicio, pero o árbitro anulou o tanto por un suposto empurrón do burelán. David Ferreiro volveu ser pola esquerda o máis incisivo no equipo de Quique Setién. Luis Fernández e o mesmo Ferreiro tentaron sorprender dende lonxe a Queco Piña, o meta galego do Leganés, sen éxito. Ata preto da media hora non se achegou o equipo madrileño a área de José Juan, que respostou ben a remates de Velasco e Alberto Martín.
O Leganés estirouse un chisco tralo descanso coa entrada do senegalés Diamanka, pero axiña pechouse na súa área cando Alberto Martín (60') foi expulsado. Setién meteu no campo a Lolo Plá (con algún apupo pola saída de David Ferreiro) e Álvaro Peña. O primeiro estivo a piques de marcar na súa primeira intervención, cun remate coa testa á base do pau. Pero o Lugo non volveu ter ocasións claras, e sumou o segundo empate da tempada, o segundo 0-0. É o equipo da Liga Adelante que menos goles marcou, pero só encaixou (3-0) nas Palmas. O vindeiro sábado, en Huelva co Recreativo (16.00 horas).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.