Rescatadas dúas persoas na illa Moza tras afundirse a súa embarcación

Os dous foron localizados na noite do xoves logo de que familiares deran a voz de alarma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2022 | Actualizada ás 10:31

Comparte esta noticia

Dúas persoas foron rescatadas en helicóptero tras afundirse a súa embarcación na ría de Corcubión durante a noite deste xoves. Os dous ocupantes rescatados, aparentemente en bo estado de saúde, foron trasladados en primeiro lugar ao aeroporto de Vigo e finalmente ao Hospital Álvaro Cunqueiro para recibir asistencia sanitaria.

O Servizo de Gardacostas de Galicia alertaba ao 112, pouco antes das 22 horas, da mobilización do helicóptero de rescate Pesca I a petición de Salvamento Marítimo de Fisterra.
A embarcación dos rescatados non regresara ao porto de Camariñas. Ademais, un familiar das persoas desaparecidas púxose en contacto coa Garda Civil ao non saber nada delas desde a mañá.

Os dous tripulantes saíran da zona de Lobeiras e os seus achegados non volveran a saber deles. O helicóptero de rescate localizounos nunha zona rochosa da Illa Moza, no arquipélago de Illas Lobeiras, en plena ría de Corcubión. Segundo a propia versión dos protagonistas, a embarcación envorcara e, probablemente aínda que non o sabían a ciencia certa, afundiuse.

Un buque de Salvamento que estivo a explorar a zona non tivo éxito á hora de atopar a embarcación. Por precaución, Salvamento Marítimo de Fisterra non deu por pechada a operación e tiña previsto mobilizar novos medios coa luz do sol para tentar localizar o barco accidentado, e retiralo no caso de que puidese supor algún risco para a navegación.

Para este operativo tamén foron informados os efectivos de Protección Civil de Corcubión e Camariñas.

Helicóptero. SALVAMENTO MARÍTIMO - Arquivo
Helicóptero. SALVAMENTO MARÍTIMO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta