O Supremo ratifica a nulidade do ERTE que aplicou Xeal entre abril e xuño de 2020 con "mala fe"

Considera que a empresa "ocultou información de relevancia".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/09/2022 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo desestimou o recurso de casación interposto por Xeal contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou o expediente de regulación de emprego temporal (ERTE) por causas organizativas que impuxo "de maneira unilateral" a empresa entre abril e xuño de 2020.

Concentración de traballadores de Xeal
Concentración de traballadores de Xeal | Fonte: CIG.

Diso informa a CIG, que apunta que con esta resolución, que esgota a vía xudicial, o Supremo "ratifica" o que a central nacionalista mantivo "durante toda a negociación": "que non existían causas organizativas e que o único que buscaba a empresa era aproveitarse da pandemia para aforrar diñeiro e avanzar no plan de recorte da produción".

O ERTE estivo vixente entre o 21 de abril e o 3 de xullo de 2020 e afectou a 213 traballadores das fábricas de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctricas e a outras 18 persoas de operacións e mantemento, segundo os datos da central.

O auto do Supremo, destaca, "constata a mala fe da empresa durante todo o período de consultas ao non facilitar toda a documentación requirida pola parte social para o desenvolvemento das negociacións, chegando mesmo a ocultar información de relevancia".

A CIG lembra que "non houbo en ningunha outra industria electrointensiva un ERTE por causa da pandemia, xa que o sector tivo a consideración de esencial e mantivéronse a pleno rendemento aproveitando o baixo prezo da enerxía".

Esta notificación chega ás portas do inicio do calendario de mobilizacións que acordou a asemblea de traballadores para esixir á empresa un plan industrial e de viabilidade das fábricas. A primeira terá lugar este xoves en Santiago cunha manifestación ás 11,00 horas desde a Xunta e ata Augas de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta