A Audiencia da Coruña xulga unha acusada de trata de persoas e explotación sexual

A Fiscalía solicita unha pena total de dez anos de prisión.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/09/2022 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña celebra este martes, día 20, o xuízo contra unha muller acusada de trata de seres humanos con fins para a explotación sexual, entre outros delitos, polos que a Fiscalía solicita unha pena total de dez anos de prisión.

Prostíbulo, prostitución
Prostíbulo, prostitución | Fonte: taringa.net

O Ministerio Público sostén que en xullo de 2018 a acusada contactou coa vítima, natural de Colombia onde residía nese momento nunha situación económica "do todo precaria", para ofrecerlle a posibilidade de viaxar "e traballar na prostitución, tal e como ela facía".

Para ese efecto, envioulle 1.000 euros para cubrir "os gastos de transporte e entrada no país", cantidade que debería ser devolta "co resultado dos servizos prestados". Segundo recolle o escrito de acusación, no momento en que a afectada chegou a España, esta débeda ascendeu "sen xustificación" a 10.000 euros.

Fiscalía asegura ademais que a procesada "prevaléndose da súa situación de necesidade" impúxolle unhas condicións de traballo "abusivas" .

Para exercer a prostitución, apunta o escrito, a acusada contactaba cos propietarios ou xerentes de diferentes "pisos de contactos" situados nas cidades da Coruña e Lugo, aos que "arrendaba as habitacións" nas que se ían desempeñar os servizos ofertados en varias páxinas web.

O Ministerio Fiscal engade que en novembro de 2018, a procesada encerellouse nunha disputa coa vítima tras comunicarlle esta a súa intención de "volver ao seu país e deixar de exercer a prostitución".

Durante a disputa, "quitoulle o pasaporte", empurrouna e ameazouna con matala "se non continuaba traballando ata saldar o total da débeda". "Non consta que a resultas deste incidente a prexudicada sufrise lesións".

Segundo o escrito, no momento da súa detención, a acusada exhibiu aos axentes da autoridade un pasaporte "a nome dunha terceira persoa", o cal contiña "diversos selos de entrada e saída a través de Portugal e Grecia que resultaron ser falsos".

Fiscalía cualifica estes feitos de delito de trata de seres humanos con fins para a explotación sexual, delito contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros, delito de falsidade en documento oficial e delito leve de lesións.

Por eles pide unha pena total de dez anos de prisión e solicita o pago dunha indemnización de 6.000 euros á vítima por "danos morais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta