A Xunta anuncia que a vacinación dos maiores de 80 será "a finais desta semana ou a principios da que vén"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reiterou que "se alguén non pode acudir, irá aos centros de cabeceira ou se irá aos seus domicilios".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2022 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou este luns que a repesca da vacinación da cuarta dose da Covid-19 dos maiores de 80 anos que non acudan aos grandes recintos realizarase "a finais desta semana ou a principios da que vén". Segundo explicou, xa terán coñecemento de "quen foi aos centros masivos" e "a quen hai que completar nos seus centros habituais".

Tras as críticas xeradas por citar aos maiores de 80 anos nos grandes recintos de vacinación e non nos seus centros de saúde, García Comesaña insistiu en que ese desprazamento é "voluntario" e puxo en valor que estes recintos "suman a capacidade" que se tiña ata agora, ademais de "reforzar os sistemas de accesibilidade e de acompañamento".

En todo caso, reiterou que "se alguén non pode acudir, irá aos centros de cabeceira ou se irá aos seus domicilios". "A mensaxe é de tranquilidade: non vai quedar ningún galego sen vacinar", reivindicou.

En declaracións aos medios antes de asistir á presentación do 'Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil', destacou que os datos da campaña de vacinación en Galicia foron "moi bos, os mellores de todo o Estado, fundamentalmente polo uso dos grandes recintos".

Así mesmo, explicou que tiveron "moitas peticións" nas campañas anteriores para incorporar á xente maior a estes dispositivos por "a facilidade do acceso, o feito de existir voluntarios, ter cadeiras de rodas e ser un sistema rápido". Ademais, sinalou que "nun contexto con gran traballo en Atención Primaria", pareceulles "adecuado" incorporar os grandes recintos de vacinación ao dispositivo".

CRÍTICAS

Por outra banda, García Comesaña tamén quixo trasladar que Sanidade "nunca vacinou da Covid" no municipio pontevedrés de Rodeiro, "por se algunha líder dalgún partido da oposición pensa que algún día se vacinou en Rodeiro", manifestou, en referencia ao exemplo que este domingo puxera a portavoz do BNG, Ana Pontón, dunha muller de 92 anos que se tiña que desprazar desde este municipio "a máis dunha hora do Gaiás".

"Os pacientes de Rodeiro tiñan que ir a Lalín e agora ofertámoslles que se queren vir á Cidade da Cultura, poden vir, e, se non, pois os vacinaremos en Lalín", resolveu.

Nesta mesma liña, cuestionado polas críticas do alcalde de Quiroga, o popular Julio Álvarez, que leste mesmo luns acusou ao Sergas de "mala planificación" na vacinación aos maiores, García Comesaña insistiu en que "o desprazamento é voluntario".

"Se un cidadán non quere ir a estes centros masivos, neste caso a Monforte, onde estiven este domingo e funcionaba todo perfectamente e con normalidade, vacinarémolos nos centros habituais", reiterou.

Arrinca a vacinación da cuarta dose contra a covid-19 nas residencias de maiores. O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, saúda a Nieves Cabo, a primeira galega en ser inmunizada.. XOÁN CRESPO/XUNTA / Europa Press / Europa Press
Arrinca a vacinación da cuarta dose contra a covid-19 nas residencias de maiores. O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, saúda a Nieves Cabo, a primeira galega en ser inmunizada.. XOÁN CRESPO/XUNTA / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta