Rueda fará a súa primeira viaxe oficial como presidente a Arxentina e Uruguai

Manterá encontros diplomáticos coas autoridades e reunirase coas entidades galegas de Buenos Aires e Montevideo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2022 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

Animar a colectividade e o empresariado galego no exterior a "sumar sinerxías para seguir construíndo unha comunidade próspera e unida pola marca Galicia". Con esta premisa arrinca este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a súa primeira viaxe oficial como xefe do Executivo galego, que terá como destino Arxentina e Uruguai.

Será un periplo de cinco días nos que o presidente da Xunta buscará estreitar lazos coa comunidade galega en ambos os países, así como manter encontros cos representantes das empresas galegas que operan en Arxentina e en Uruguai, especialmente as do sector pesqueiro. Así mesmo, reunirase coas entidades galegas de Buenos Aires e Montevideo para trasladarlles o agarimo e a admiración de Galicia, e para coñecer de primeira man a pegada que están a deixar nun e noutro lado do Atlántico.

Na súa axenda figuran encontros con asociacións que levan décadas traballando polo benestar dos españois, en xeral, e dos galegos en particular, como o Club Español; ou que prestan un inestimable labor social, como a entidade sen ánimo de lucro Ospaña. Alfonso Rueda tamén se reunirá con dirixentes de Arxentina e de Uruguai e manterá distintos encontros diplomáticos con autoridades de ambos os países.

Durante esta viaxe, o presidente galego incidirá na data simbólica do Xacobeo, xa que, ao seu entender, os galegos foron capaces durante séculos de "ensanchar o seu territorio e desvanecer as súas fronteiras en beneficio da colectividade"; primeiro cara a Europa, co Camiño de Santiago, e logo cara a América, como exemplo de "universalidade e concordia".

Así mesmo, botará man do pasado común para animar a "mirar cara ao futuro" e aproveitar os lazos de unión entre ambos os lados do Atlántico a través de oportunidades de investimento e de retorno. O mandatario galego subliñou que os galegos que emigraron e os seus descendentes "seguen sendo parte fundamental na vida de Galicia", por iso é polo que o seu benestar "sexa unha prioridade máis" do Goberno galego.

En canto á 'Galicia territorial', o Consello da Xunta deste xoves será dirixido polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que se estrea neste papel e que será tamén o encargado de informar os medios dos asuntos abordados na rolda de prensa posterior.

Alfonso Rueda comparece tras o Consello.. Xunta de Galicia
Alfonso Rueda comparece tras o Consello.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta