O persoal de Xeal sae "decepcionado" da reunión coa Xunta porque "non atenderon as nosas peticións"

Continuarán as mobilizacións como cada xoves fronte á Xunta e ata Augas de Galicia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2022 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

O persoal de XEAL volveu a manifestarse este xoves desde o edificio administrativo da Xunta de Galicia ata Augas de Galicia, aínda que esta vez os secretarios xerais de Industria, de Traballo e de Infraestruturas, recibiron a unha representación do comité.

Xunto a eles acudiu o propio secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Nun comunicado lamentaron non obter "ningunha resposta ás súas demandas" porque a Administración "descoñece a situación".

"Saímos totalmente defraudados. Non atenderon ás nosas peticións, que eran moi sinxelas: hai un proxecto de estación de bombeo no monte da Ruña, no municipio de Mazaricos, que é unha nova central que pretende montar a nosa empresa e nós dicimos que non se lle pode dar unha concesión máis cando están a incumprir as actuais", esgrimiu o presidente do comité de empresa, Alfonso Mouzo.

"O máis grave é que os representantes da Xunta de Galicia aseguraron que o Goberno galego non ten constancia, nin coñecemento, de que estean a incumprir as concesións", continuou. Esta resposta, comentan, enfadou aos membros do comité e ao conxunto do persoal. "Se non teñen constancia, que veñan á Costa da Morte e miren se están os fornos en marcha ou non; que miren o emprego que había en 2019 e o que hai agora. É tan sinxelo como iso", sinalou.

APERTURA DE EXPEDIENTE

Doutra banda, Mouzo lembrou ademais que o persoal de XEAL leva tempo mobilizándose e denunciando que "os fornos están parados, a actividade industrial vai a menos e pérdense postos de traballo".

Aseguran que desde que chegou a nova empresa levan "30 empregos menos de fixos de cadro de persoal, 80 eventuais menos e a actividade industrial baixo mínimos". "Só hai un forno en marcha de cinco e a fábrica de Cee está totalmente parada. Non, non poden consentir dar unha soa concesión máis", insistiu.

É por este motivo que incidiron na demanda de que se abra expediente á empresa porque "non pode ser que este fondo voitre americano que leva o diñeiro caído do ceo do aproveitamento dos nosos recursos naturais, veña aquí a lucrarse e a Xunta, tendo competencias plenas tanto en Augas como en Industria siga mirando para outro lado e, mentres, a empresa, sentíndose impune pola inoperancia e ineptitude da propia Xunta".

NOVO CONVENIO COLECTIVO

O presidente do comité tamén reclamou a negociación do convenio colectivo, que "decaeu" a principios deste ano por non ter ultraactividad "por mor da reforma laboral", aplicándoselles o convenio de siderometalurgia.

Ante esta situación, Alfonso Mouzo asegurou que continuarán as mobilizacións como cada xoves fronte á Xunta e ata Augas de Galicia, e o xoves seguinte na fábrica en Cee. O comité ten ademais convocada unha folga de 24 horas para o 17 de novembro.

O persoal de Xeal volve manifestarse ante a Xunta, que os recibe nunha reunión da que saen 'decepcionados'. CIG
O persoal de Xeal volve manifestarse ante a Xunta, que os recibe nunha reunión da que saen 'decepcionados'. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta