Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 11:47
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, considerou de "gravidade extrema" as palabras da xerente do Sergas sobre pediatras en Galicia, á vez que denunciou o "panorama desolador" polos datos das listas de espera.
Nunha entrevista da xerente do Sergas en 'La Voz de Galicia', na que dixo que "a poboación ten que entender que non poderá haber un pediatra en cada centro de saúde", o socialista expresou "consternación" pola atención pediátrica, que "non chega ao 85%" na cobertura de prazas, fronte ao "practicamente 100%" de Asturias, Cantabria e Castela e León.
"Esta realidade o que reflicte é que en Galicia as condicións laborais son peores", criticou. "Creo que iso debuxa un panorama desolador porque ademais hai unha opacidade manifesta nas listas de espera", engadiu Álvarez, antes de citar datos como as "30.000 persoas máis pendentes de consulta que en 2019", unhas "12.000 persoas máis que en 2019 pendentes de cirurxía" e"32.000 persoas máis pendentes de probas diagnósticas".
Así, o portavoz do PSOE galego lamentou a "rotación de cargos dentro da consellería" e que esta "persoa en concreto foi a que ocupou --con anterioridade a ser nomeada xerente do Sergas-- unha dirección xeral creada para transformar o modelo de atención sanitaria". "Se hai un fracaso evidente, parece pouco razoable que se encargue da xerencia do Sergas", apostilou.
CONTRA O DESPOBOAMENTO
A maiores, incidiu en que "esta dinámica xeral contribúe ao despoboamento". "Non chega con facer unha lei de impulso demográfico porque cando hai menos atención sanitaria na comunidade, menos servizos educativos, menos compromiso do Goberno cos concellos en algo tan esencial como as prestacións e axudas á dependencia e non hai compromiso para asumir o complemento autonómico ás pensións non contributivas cremos que a orientación é manifestamente equivocada", recalcou.
Por iso, instou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, "a que reoriente de forma urxente todas as políticas que vén desenvolvendo desde que é presidente". "Partimos dunha situación mala e cremos que todos os indicadores evidencian que non fai máis que empeorar a situación mes tras mes", finalizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.