As verteduras urbanas caeron na pandemia: pola baixada da actividade ou o aumento das ilegais?

Arco Iris destaca o dato pero apunta que podería obedecer ao "parón" da actividade inspectora.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 18/10/2022 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

As verteduras urbanas na Conca Galicia Costa (augas continentais) descenderon coincidindo co inicio da pandemia, segundo informa a organización ecoloxista Arco Iris en base a datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

En concreto, explica que pasaron de 1.585 a 716 entre 2019 e 2020. As verteduras industriais, con todo, subiron de 413 a 478, "o que se debe ao gran número de piscifactorías en Galicia", sinala á espera de que se publiquen os datos correspondentes a 2021.

Polo que se refire a verteduras ao mar, Galicia autorizou, segundo o informe de 2020, ata 62 verteduras urbanas e 185 industriais. E segundo os datos do informe do ano anterior, 82 e 173, respectivamente. Arco Iris apunta que os datos do Ministerio poden obedecer a dúas razóns. "Por unha banda, a evidente diminución da actividade económica ou, o que sería máis preocupante, o aumento de verteduras ilegais e clandestinas aproveitando o parón na actividade inspectora".

"A caída supuxo un punto de inflexión nunha evolución histórica progresiva para normalizar o censo estatal de verteduras", sinala. Por outra banda, destaca que o Ministerio non ofrece datos acerca da incidencia da covid nas instalacións da depuradora de Bens na Coruña, "ao contrario que outras catro estacións en Galicia".

"É prioritario que estas instalacións poñan a disposición das autoridades do estado os datos semana a semana dos dous anos anteriores, para que poidan ser tabulados e incluídos nas estatísticas nacionais", incide a este respecto.

Vertedura na ría de Pontevedra
Vertedura na ría de Pontevedra | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta