Os primeiros 91 médicos especialista en Primaria terán ata o 25 de novembro para incorporarse

Son 20 facultativos na área de Ourense, 18 na de Pontevedra, 16 en Santiago, 11 en Vigo, nove en Lugo, nove na Coruña e oito en Ferrol.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2022 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns o nomeamento das 91 persoas aspirantes seleccionadas no concurso para a categoría de médico especialista de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Os aspirantes escollidos terán ata o 25 de novembro --un mes a contar desde este martes-- para incorporarse á súa praza.

De acordo coa resolución publicada no DOG, asinada pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, trátase dunha nova categoría que se tramitou dunha forma "áxil" dadas "as circunstancias sanitarias actuais, que fan necesario impulsar con urxencia calquera medida que permita incrementar os recursos de persoal médico".

A Consellería de Sanidade convocara nesta categoría un total de 106 prazas, en centros considerados "de difícil cobertura", e saíron 91 nunha primeira quenda. Por tanto, faltan outras 15 cuxa resolución se publicará "proximamente", tal e como asegura a Xunta nun comunicado. Xa a principios de outubro, nunha comparecencia no Parlamento, o conselleiro do ramo, Julio García Comesaña, dixera que sería "en breve".

Serán facultativos que, ademais de en centros de saúde, prestarán servizos en puntos de atención continuada (PAC). Participaron no proceso 355 persoas e, do total de aspirantes seleccionados por concurso, o 68 por cento son mulleres.

Por áreas sanitarias, a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras leva o maior número de prazas, cun total de 20. Séguenlle a área de Pontevedra-O Salnés, con 18, e a de Santiago-Barbanza, con 16. Mentres tanto, adxudicáronse 11 prazas na área de Vigo, nove na de Lugo-A Mariña-Monforte, outro nove na da Coruña-Cee e oito na de Ferrol.

Todos eles deberán realizar, "con carácter obrigatorio e nun prazo non superior aos seis meses" desde o seu nomeamento, subliña a resolución no DOG, as actividades formativas para obter o nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia machista.

CONCURSO DE TRASLADOS PERMANENTE

En paralelo, o DOG tamén publicou este luns a resolución definitiva do concurso de traslados aberto e permanente na categoría de médico de familia de Atención Primaria, cun total de 121 profesionais admitidos, cunha media de 50 anos e unha gran maioría (73 por cento) mulleres. De todos eles, seis non están vinculados actualmente ao Sergas e dous proceden de fóra de Galicia.

As listas coas correspondentes puntuacións e os destinos definitivos asignados en cada unha das categorías están publicadas na web do Sergas. As persoas que obtivesen praza neste proceso deberán cesar na que estivesen a desempeñar ata o momento o día seguinte á publicación da resolución, é dicir, xa este martes.

De igual modo, a toma de posesión no destino obtido efectuarase nos dous días hábiles seguintes ao do cesamento, se o traslado non implica un cambio de área de sanitaria; en sete se é noutra área; e nun mes se implica un cambio de servizo de saúde. A Xunta enmarca esta "resolución coordinada" de ambos os procesos de selección e provisión no ámbito da Atención Primaria como unha resposta "inmediata ás necesidades asistenciais" no conxunto do Sergas.

Nova consulta no centro de saúde do Grove.. XUNTA
Nova consulta no centro de saúde do Grove.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta