"Fito histórico en Galicia", Adega reúne os 10.000 euros para paralizar o parque eólico Campelo

Era o que pedía o TSXG para paralizar cautelarmente o proxecto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2022 | Actualizada ás 20:11

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista Adega reuniu os 10.000 euros esixidos como depósito polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para facer efectiva a paralización cautelar do parque eólico 'Campelo', proxectado pola compañía Greenalia nos municipios coruñeses de Santa Comba e Coristanco.

En concreto, a entidade lanzou unha campaña solidaria de recadación baixo a lema 'Ti podes paralos', que xa obtivo 13.492. A xustiza esixía a Adega un depósito de 10.000 euros para facer efectiva esta paralización cautelar.

Para Adega, "trátase dun fito histórico en Galicia", tanto por ter como orixe "a vontade popular", como por "constituír a primeira paralización dun proxecto eólico antes de que iniciase as súas obras".

"Neste caso, o parque eólico de Campelo non poderá executarse, polo menos, mentres dure o procedemento xudicial aberto no TSXG polo recurso contencioso-administrativo presentado por Adega e a PDCC contra a autorización deste proxecto, o que evitará que se produzan potenciais danos irreparables de carácter ambiental, patrimonial ou social nas zonas de afección", din os ecoloxistas.

PARALIZACIÓN CAUTELAR

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nun auto emitido o pasado 19 de setembro, ordenou a paralización cautelar do desenvolvemento do parque eólico 'Campelo', proxectado pola compañía Greenalia nos municipios coruñeses de Santa Comba e Coristanco.

No escrito, a sala considera que nin a compañía nin a Administración autonómica lograron avalar a "imperiosa necesidade" de contar cun novo parque eólico na zona "nin sequera pola incidencia que vén producindo a menor entrada de gas con ocasión da guerra en Ucraína", polo que determina a suspensión cautelar ao enteder que debe prevalecer a protección do medio ambiente.

Parque Eólico Campelo en Coristanco e Santa Comba
Parque Eólico Campelo en Coristanco e Santa Comba | Fonte: remitida

E é que a crise enerxética foi un dos argumentos esgrimidos pola Xunta para xustificar a utilidade pública deste proxecto impulsado por Greenalia, que alegou que a súa posible paralización prexudicaría "o interese público".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

Sí certamente é unha boa sinal lograr 10.000 € para facer un depósito xudicial que non sabemos se servirá ou non servirá para algo (?) Todo o que cae nas mans do TSXG está sempre no aire ! Ogallá haxa tanta xenerosidade para proxectos moito máis concretos e que igual serven para fixar poboación nas Terras do Courel // https://www.verkami.com/projects/34... Estes 10.000 € semellan servir para algo máis positivo cun Depósito Xudicial ?

1 anonimo

adega atras da cenoura

1 Sentidiño

A xustiza española a cultivar cenouras, e a vendelas a prezo de trufas: se a paralización é prudente, non se entende que lle poñan prezo.