Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2022 | Actualizada ás 21:33
Unha vivenda en boas condicións de habitabilidade, que facilite tecer redes de coidados coa veciñanza próxima e recupere o sentido de comunidade a través de zonas e actividades comúns; que ademais teña un prezo asequible e estable no tempo, lonxe das lóxicas especulativas; e que permita unha vida sostible fronte ás múltiples crises, tamén a climática, que atravesamos como sociedade. Semella idílico, pero é o proxecto real polo que pulan cada vez máis grupos de persoas organizadas en asociacións ou cooperativas. Trátase, por exemplo, do caso de Alvariza Colaborativas en Santiago de Compostela ou Ancoradoiro en Vigo, que traballan para baixar a terra unha idea de cohousing ou vivendas colaborativas.
SOÑAR PARA COMEZAR A CONSTRUÍR
"Levabamos un tempo falando de que nos gustaría vivir xuntas nun lugar aberto á contorna", explica Carmela Cons sobre o xerme de Alvariza. Daquela, polo 2019, eran apenas catro amigas que se recoñecían moito naquel libro de María Reimóndez, O club da calceta, no que varias mulleres conversan sobre as súas frustracións e toman conciencia da súa situación como primeiro paso para superala. Pouco a pouco foron tecendo grupo ata contar agora con 23 persoas asociadas en torno a un proxecto residencial concreto, pero aberto a mudanzas se máis xente se une: 17 unidades de convivencia e varios espazos comúns nos que facer vida en comunidade.
E como imaxinan este proxecto? "Soñamos con construír un lugar no que poidamos colaborar entre todas as persoas e onde o trato amigable sexa a tónica xeral; un lugar no que os coidados sexan unha prioridade, pero non só os relacionados coa dependencia, senón todo aquilo que ten que ver cos problemas que nos imos atopando no día a día: quedar coas crianzas un momento ou ir por elas ao colexio tamén son coidados", relata Cons. Dende Alvariza apostan pola fórmula do cohousing interxeracional: "Queremos que sexa un lugar con vida, onde flúan as conexións entre as persoas novas e as máis maiores, para sermos un reflexo do que é a vida e se produza un intercambio rico entre nós".
Detrás hai unha filosofía de vida pensada entre todas as persoas socias, e por diante, a procura dun solo urbanizable no que facer realidade este proxecto. É o mesmo punto no que se atopa Ancoradoiro, unha iniciativa cidadá que agromou en Vigo por parte dun grupo de persoas que "cando tivemos os nosos fillos criados, empezamos a pensar en como queriamos vivir a nosa vellez". A idea destes 30 socios, de entre 50 e 70 anos, é construír a súa propia alternativa ás residencias de maiores. Ao vivir en comunidade, co xantar diario colectivo, servizos específicos ou actividades de socialización "retrasamos o deterioro cognitivo e potenciamos a mobilidade física", explica a presidenta da cooperativa, Lucía Calvo, que debulla o proxecto baixo o paraugas do "envellecemento activo".
"Este movemento é imparable; cada vez hai máis persoas que se dan conta de que a curva demográfica e o incremento da esperanza de vida, cun contexto laboral tan difícil, complica que as familias se fagan cargo dos coidados das persoas maiores. Moitas vemos que a iniciativa privada é excesivamente cara e que temos que organizarnos para evitar a soidade non desexada", sinala Lucía Calvo. A idea que teñen na cabeza, asesorados por profesionais da arquitectura, é a dun edificio bioclimático, co menor impacto ambiental posible, no que desenvolver un proxecto "vivo" que "vaia resolvendo necesidades a medida que vaian xurdindo problemas, por exemplo, de dependencia".
OS RETOS: ATOPAR SOLO E FINANCIAMENTO
Estas vivendas colaborativas, xa moi estendidas nos Estados Unidos e os países nórdicos, e que se replican en varios puntos do Estado, funcionan a través dunha cesión de uso, que consiste en que a propiedade do inmoble é colectiva e está en mans da cooperativa que bota a andar o proxecto. Quen resida paga unha entrada reembolsable e unhas cotas mensuais; e ese dereito ao uso da vivenda é vitalicio e herdable. "Nós somos autopromotores, queremos ter un lugar onde vivir con seguridades, fóra das incertezas dos cambios nos prezos do mercado da vivenda", explica Carmela Cons, que canda a Lucía Calvo, ven neste modelo un antídoto á especulación urbanística e unha fórmula para facer efectivo o dereito básico de acceso a unha vivenda digna.
O maior reto: atopar solo. Se ben a Xunta de Galicia vén de aprobar a primeira normativa de vivendas colaborativas, esta só contempla a fórmula senior e non impulsa a alternativa de ceder superficie ás cooperativas por parte das institucións públicas e concellos. "En Cataluña hai moitísimas construídas desta maneira, pero aquí intentámolo e de momento póñennos trabas por non haber normativa que apoie este tipo de iniciativas", explica Cons. Polo tanto, estes proxectos quedan avocados á busca de terreo privado. "Algo bastante inviable dados os prezos que agora mesmo se manexan", remarca Lucía Calvo, que pide ás administracións outras posibilidades como sacar solo a concurso público ou ceder o seu uso por un canon.
"A nova normativa da Xunta parécenos un gran adianto, pero tamén unha lástima que o cohousing sexa circunscrito unicamente á iniciativa senior", asegura Cons, que demanda unha normativa de apoio que recoñeza o "interese social" deste tipo de vivendas. Dos concellos, Alvariza Colaborativas pide "valentía" para ser pioneiros e "unirse a esta marea que está medrando cada vez máis". "Hai moito interese por parte da sociedade, pero tamén cómpre moito convencemento e determinación para seguir adiante, porque é un camiño, ou máis ben unha xungla, que está sen abrir, e moitas persoas quedan polo camiño".
De feito, segundo a Confederación Española de Cooperativas de Consumidores e Usuarios (Hispacoop), tan só o 10% das iniciativas de grupos que comezan a idear unha vivenda colaborativa chegan a vela feita realidade. O número medio de anos que implica todo o proceso ata estar o edificio listo para habitar é de dez anos a nivel estatal. "Outro dos retos é o plan de financiamento", explica Cons. "A viabilidade económica é un tema crucial e onde precisamos ser moi creativos para explorar formas pouco habituais, como os títulos participativos e a banca ética, á que nós recurririamos na medida en que sexa posible, xa que as condicións son menos opresoras que nunha banca tradicional".
Dende Alvariza tamén planean, por exemplo, xerar servizos na propia construción do edificio, como pode ser un coworking ou salas de reunións que se poidan alugar. "Non a prezo de mercado, porque o interese non é lucrativo, pero si para que nos permita sufragar os gastos que vaiamos tendo na comunidade. Trátase de idear métodos que nos axuden a ir pagando pouco a pouco o proxecto sen ter que tirar tanto de recursos persoais", explica Cons. "Non queremos que sexa un proxecto elitista, senón variopinto en todos os sentidos. Ninguén pode quedar fóra por cuestións económicas", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.