O Concello de Pontevedra ordenará cesar a actividade na nave de Ponte Sampaio porque "non tiña licenza"

A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá no Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, indicou sobre o incendio que "foi unha extinción complexa pola temperatura que se alcanzou", posto que "se trata dun material inflamable acumulado en toneladas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2022 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá no Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, confirmou este luns que "toca ordenar o cesamento inmediato da actividade" e estudar posibles sancións na nave de Ponte Sampaio que sufriu un incendio o domingo, porque "non tiña licenza".

O lume deixou tres homes feridos, dos que un --traballador e concelleiro do PSOE en Marín-- está ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) con queimaduras de terceiro grao no 85 por cento do seu corpo. As chamas desatáronse á primeira hora da tarde no recinto da antiga fábrica de Pontesa, nunha nave na que se almacenaban pipas de xirasol e cereais.

"Tivemos moita sorte", valorou a edila, xa que "a pesar da gravidade, porque hai unha persoa ferida grave, puido ser moito peor, as consecuencias puideron ser moito máis graves e afectar a máis poboación". Ademais, neste recinto aínda hai máis material inflamable: "Está cheo de madeira que se podía ver afectada o incendio e as dimensións serían maiores".

A concelleira pontevedresa indicou que "foi unha extinción complexa pola temperatura que se alcanzou", posto que "se trata dun material inflamable acumulado en toneladas, que produce unhas temperaturas moi altas e cunhas consecuencias que foron graves".

"Atopámonos alí cunha auténtica polvoreira, con toneladas de material inflamable: gran, cereal, pipas de girasol... Nunhas naves de gran altura, con 15 metros de altura de cereal, sen as máis mínimas medidas de seguridade, sen sistema de extinción de incendios. Por non ter, non tiñan nin hidrantes, tivemos que transportar auga e utilizar un carrusel de medios para ter dotación de auga permanente alí, e tampouco contaba con licenza de actividade", detallou Vilaverde.

"NON CONSTA" ACTIVIDADE NIN TITULAR

Así mesmo, a edila de Seguridade Cidadá constatou que sobre estas instalacións "non hai cambio de titularidade nin solicitude para almacén ou calquera outro tipo de actividade" nos rexistros municipais. "Non nos consta actividade e por tanto tampouco ningún titular".

O incendio xerouse, segundo os primeiros indicios, nunha gran montaña de cereais situada no centro da instalación, que se atopa comunicada con outras dúas que ocupan varias naves.

A calor xerada provocou que explotase a cuberta e a uralita, co consecuente perigo: "O que ardía era fibrocemento. Falamos de amianto, e axudounos o vento, que permitiu que a nube de fume negro subise e non correse perigo a poboación".

"Os bombeiros chegaron alí e non sabían ao que se enfrontaban: unha auténtica polvoreira de material inflamable", reiterou Vilaverde. A causa do inicio das chamas aínda se investiga por parte dos bombeiros e da Policía Xudicial.

"NON TIÑAMOS" SISTEMA DE SEGURIDADE

A concelleira lembrou que unha nave de almacenaxe destes produtos debe estar preparada para que non haxa humidade, con medidas para arrefriar o material en caso de alerta, con hidrantes para utilizar en caso de incendio e, con todo, nesta situación de emerxencia "non tiñamos nada", lamentou Vilaverde.

Neste contexto, "foi un auténtico perigo" que levou ao Concello de Pontevedra "a valorar 'in situ' a posibilidade de confinar aos veciños de Ponte Sampaio".

Segundo informou a concelleira na mañá deste luns, "o incendio está controlado, está limitado o seu avance, os bombeiros continúan alí para facer un labor de prevención e control", pero deuse "por finalizada xa a situación de emerxencia".

Agora, será a Policía Xudicial a que investigue o ocorrido e "por parte do Concello, toca ordenar o cesamento inmediato da actividade, incoar o expediente de reposición da legalidade e os servizos xurídicos municipais están a estudar a quen corresponde abrir o expediente sancionador".

DESACTIVACIÓN DO PLATERGA

Neste contexto, pasadas as 14,30 horas deste luns, a Xunta desactivou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga), ao descartarse xa risco para a poboación no incendio da nave de Ponche Sampaio.

Aínda así, despois de que na noite do domingo deran por controlado o incendio e xa de madrugada abandonasen o lugar os múltiples operativos desprazados até o lugar, os servizos de extinción de Pontevedra aínda quedaban vixiantes por se nalgún momento se reaviva algún foco.

No amplo operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que tiveron que atender ao tres persoas afectadas; os bombeiros de Pontevedra, O Morrazo e Ribadumia; a Policía Nacional; a Garda Civil de Tráfico; a Policía Local; e Protección Civil de Pontevedra, Soutomaior, Cangas e Cambados.

Exterior da fachada do concello de Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press / Europa Press
Exterior da fachada do concello de Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta