A CIG apunta a Marta Ortega polo "endurecemento" das condicións en Inditex

Mantén a folga para o 'Black Friday' nas tendas de Inditex da Coruña: "Menos postureo e máis salarios".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2022 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

A CIG , sindicato nacionalista, mantén convocada a folga para o próximo 25 de novembro, o 'Black Friday', nas tendas de Inditex da provincia da Coruña. "Menos postureo e máis salarios", resumiu a portavoz de servizos da central, Carmiña Naveiro.

Este xoves volveu celebrarse unha reunión coa empresa pero non houbo "ningún movemento" e esta representante dos traballadores considera que ata lles "tomaron o pelo". Así, indica que a proposta se mantén nun incremento de 120 euros para 2022, outros 20 para 2023 e 40 para 2024, un total de 180 euros, cando esta organización reclama entre 440 e 500 euros para todos os traballadores, dun persoal composto por entre 1.300 e 1.400 persoas, sobre todo mulleres.

En busca dun salario "decente", Naveiro critica que "moitas" destas dependentas teñen "dificultades para chegar a fin de mes", e resalta que isto ocorre na mesma provincia na que Inditex ten a central, por iso é polo que "se mobilicen máis".

SERÁ "HISTÓRICO" AÍNDA QUE SE PODE DESCONVOCAR

Aínda que pensa que hai marxe para desconvocar se a empresa quere, esta portavoz augura un seguimento "histórico" da folga de ir adiante, despois da manifestación do pasado día 6. 
Están chamados a secundala traballadores de Zara, Zara Home, Stradivarius, Bershka, Pull & Bear, Oysho, Tempe, Lefties, Massimo Dutti e Kiddy's Class.

A maiores, puntualiza que CIG é o sindicato "máis representativo" nestas marcas, "logo" sitúase UGT e "CC.OO. representa a moi poucos traballadores só de Zara", polo que ve "sanguento" que sente a negociar condicións para empregados do resto dos establecementos de Inditex.

Por último, Carmiña Naveiro denuncia un "endurecemento" nas condicións con respecto a cuestións como a conciliación desde que cambiou a dirección e Marta Ortega púxose á fronte. Por iso, subliña: "Menos postureo e máis salarios". A decisión de convocar o paro foi aprobada nas asembleas e consultas nas tendas realizadas pola CIG esta semana e a pasada na Coruña, Ferrol e Compostela.

Un cartel dunha tenda Pull & Bear, do grupo Inditex
Un cartel dunha tenda Pull & Bear, do grupo Inditex | Fonte: A. Pérez Meca - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta